• Martes, 26 de Septiembre de 2017

Exposición de homenaxe a Rosalía de Castro

Este ano, o 24 de febreiro, cumplíronse 180 do nacemento de Rosalía de Castro

Este ano, o 24 de febreiro, cumplíronse 180 do nacemento de Rosalía de Castro e, como xa é habitual, multiplicáronse as conmemoracións por todo o noso país. O Concello da Coruña contribuiu cunha espléndida mostra no Kiosko Alfonso das fotografías que Xurxo Lobato fixo en 2016 para ilustrar o libro Airiños, aires, en colaboración coa Casa de Rosalía. Trátase de fotos fermosísimas en blanco e negro, con enfoques espectaculares, nos que a luz e a sombra dialogan coas pedras, crean reflexos nas augas do Sar, debuxan siluetas longuísimas de árbores nas fragas de Laíño, deixan brilos aceirados nas rúas de Santiago ou abren fendas cara o alén no Pórtico da Gloria...
As fotos ilustran versos de Rosalía e recollen algúns dos lugares máis importantes na vida da nosa poeta ou ben recunchos que ela poetizou. A cámara de Lobato viaxa dende a bóveda do Hospital Real de Santiago hoxe Hostal dos Reis Católicos), onde Rosalía foi bautizada, ata o frontón do Centro Galego de La Habana. E, polo medio, vai retratando o claustro de Conxo (“o triste das soedades prácidas”, segundo os seus versos), a esguía e lanzal torre da igrexa dos Ánxeles de Brión, o campanario de Bastabales que lle inspirara os tan coñecidos versos: “Campanas de Bastabales, cando vos oio tocar, mórrome de soidades.”; están a casa de Ortoño, onde nacera seu pai, os interiores da casa do Príncipe na Coruña onde vivíu, a casa da Matanza, a carballeira de San Lourenzo de Santiago, o calexón do Gato e a rúa da Ballesta de Madrid, a igrexa de San Ildefonso na que casou e o sartego no Panteón de Galegos Ilustres, onde repousa.
Recolle tamén os anchurosos campos de Simancas onde ela tivo tanta saudade da terra, e as ruínas das Torres do Oeste de Catoira, que lle serviron como símbolo da súa íntima soidade: “¿Que fago, coma vós, ¡ouh torres!, soia e sin amparo?”. Segue Xurxo, pegada a pegada, con sensibilidade lírica, estas evocadorés ámbitos e un parece sentir que os roza algo invisible, que un eco ou alento rosaliano os acompaña e que o ton elexíaco ou de endecha que predominou na nosa poeta toma forma e pasa polas fotos como as sombras da Negra sombra; por certo, ilustra este poema cun asombroso contraluz nun dos interiores da casa coruñesa de Rosalía: estancia totalmente a escuras frente a unha fiestra iluminada por luz de fora. A mostra complétase con edicións antigas dos libros de Rosalia, entre elas a primeira edición de Cantares gallegos en 1863, con autógrafos, con exemplares das pezas musicais que para os seus poemas fixeron Baldomir, Tabuyo, Montes, etc.; e con fotos de Louis Encause , Manuel Palmeiro ou Sellier; a destacar, sen dúbida, o retrato de xuventude da primeira fotógrafa con estudio en Galicia: Mª Cardarelly. “Fermosa viaxe, pois, con Rosalía, por Rosalía”, como di Anxo Angueira.