O legado de Tomás Barros

recentemente, a Real Academia Galega recibía o arquivo persoal de Tomás Barros, en doazón feita polos seus fillos Araceli e Tomás, que herdaron do seu pai o altruismo e xenerosidade, no que foi secundado tamén pola súa dona, Sara Cao. Decir que Tomás Barros foi un dos mais importantes homes de cultura de Galicia no século XX sería ocioso, senon fose porque este é un país de esquezos, desculpable quizais polo noso alongado minifundismo. 
Nos ousaríamos incluso arriscar que tivo algo ou moito de xenio e capaz de tocar moitas cordas e de facelo ben. Foi coñecido como pintor, pero ademáis foi un poeta, dramaturgo, ensaista nos eidos da arte, da filosofía e da literatura, músico, profesor... Tomás alentaba unha desacougante e inapagable fame de coñecemento, o que o levou arreo polos mais arredados vieiros na percura do enigma da existencia e do misterio do universo. Ese anceio marcou o seu quefacer e traduciuse en cadros nos que a épica do ser humán aparece dramáticamente expresada, cunha linguaxe persoalísima, que bebeu nas fontes da modernidade, especialmente nas do expresionismo, fauvismo, cubismo e construtivismo. 
Como outro ferrolán ilustre, Segura Torrella (tamén como él discípulo de Bello Piñeiro) pintou a Diógenes co seu farol, na percura do home; xa se sabe que o filósofo grego a quen buscaba era ao Home con maiúscula, o verdadeiro sabio que non atopaba; pero Tomás, compasivo como era, só quere alumear os vieiros da escuridade, poñer unha lámpada para as multitudes que labouran, que se unen para a tarefa común, coma os mariñeiros para soster a rede, os músicos para acordar unha sinfonía, os segadores para erguer os palleiros do pan ou os canteiros para erguer unha catedral. 
Eses son algúns dos seus temas: os que cantan a solidaridade en rítmica conxunción, en encadeamentos de xestos, de pulos, de corpos sintonizados. Hai tamén outros tristes xestos, esoutro lado escuro do que deixa testemuña: o da guerra, dos fusilamentos e dos xenocidios. Esa dor do lado de sombra ía con él e acompañouno ata a morte; aparece lapidariamente expresado nos versos de “Berro diante da morte” ou de  “Abraio”, nos que latexa  unha estarrecedora profundidade metafísica: “...as miñas mans/atoutiñan o confín da noite// e buscan e buscan, arpexio tras arpexio,/ o intervalo do Ser.../ Por mais que ergo os ollos ata outura/ soio alcontro unha negra enfondura...”.
Él, a esa negra enfondura púxolle cor, púxolle arelas do sagrado e portas e fiestras e horizontes e un corazón grande como o mundo. Nas décadas do sesenta e do oitenta, nas que tivemos o privilexio de contar coa súa amistade, T. Barros, foi na Coruña, con Luz Pozo, Garcés, Seoane, Dieste e tantos outros un faro que mantivo aceso o lume do lar da arte e da galeguidade, no que nos quentamos. Así alumbrou criaturas como a revista e colección de poesía Nordés e escribiu páxinas de alta sabiduría como “Procesos abstractivos del arte contemporáneo”; tamén tivo merecido sillón na RAG. 
Pensamos que a Academia débelle o nomeamento de candidato para o Día das Letras Galegas; mérito dabondo deben ser nove libros de poemas, sete de teatro, dous de ensaio, unha novela, artigos na prensa e unhas trinta obras que aínda permanecen inéditas. O dito: Tomás Barros, artista total. 

 

 

O legado de Tomás Barros

Te puede interesar