De claridades e esixencias

Hai cousas na política que resultan completamente hilarantes, sempre que teñas o corpo ese día para festas. Cousas onde trunfa a medida da viga ou da palla, segundo no ollo de quen estea ubicado. 
Un partido popular completamente enlodado, que aínda está metido nas voraces areas movedizas dos casos de corrupción que asoman cada día, non só non fai a necesaria contrición, a dor dos pecados, e moito menos o propósito de enmenda, e atrévese así, cun par, a esixirlle aos demais exemplaridade e limpeza. 
Por iso, ás veces é necesario elevarse por riba da mediocridade imperante e sorrir coa parodia nacional na que estamos inmersos nos últimos anos. Vivimos nun país onde as probas de estress á Banca, non detectaron os gravísimos problemas de Bankia e doutras entidades financieiras que acabaron por derrubarse estrepitosamente. 
E sen embargo, o simple polígrafo de tele5 detecta ao instante cando un minte. As grandes tramas de cobro de comisións e branqueo de capitais, tardan en ser descubertas e procesadas (e aínda así), pero descóbrense wassaps, mensaxes e citas con Ministros, incluso co mesmo Presidente, se fuerte Luis, que non conlevan nin ceses nin tirón público de orellas nin asunción da gravidade da mensaxe que envían á cidadanía. 
Hai diferentes varas de medir o coñecemento e o delito. Aquela máxima de que a ignorancia da lei non exime do seu cumprimento, semella que caducou coma os iogures, unha vez que saíu a sentencia que recoñecía a ignorancia da Infanta. Pedro Sánchez aínda non aterrou e xa lle esixen contundencia e claridade en temas e posturas. 
O clásico Deus dea a quen botarlle as culpas. Créanme, con moito menos, fago unhas coreografías chulísimas...

 

De claridades e esixencias

Te puede interesar