Dos factores humanos

Que somos desiguais e diversos, non é unha novidade. Que reaccionamos de modo diferente ante estímulos similares, tamén é un feito demostrable. Incluso, a nivel científico, pódese dicir que o principio de acción reacción funciona con parámetros diferentes segundo diversas variables, culturais e sociais, que fan de nós estruturas complexas de afectos e observancias.
Hai quen di que a presión social exercida sobre determinados procesos e persoas son causa directa da solución que, finalmente, adoptaron. O que é inxusto, xa que ninguén lles obrigou a saírse dos marxes da legalidade e sempre actuaron e decidiron en beneficio propio. Ademais traslada o foco dunha decisión a elementos e ámbitos alleos á mesma. Os que optaron por beneficiarse dos seus cargos deberan saber que a lei é lenta, pero acaba actuando.
A valoración social do xusto e do inxusto ou da propia responsabilidade e culpa evidentemente non é unha lei universal. Nin unicamente responde a parámetros legais de ponderación. Vexamos o caso de Rato, inmerso en varias causas, e caído dende o cumio do Banco Central Europeo, da Vicepresidencia dun Goberno e da Presidencia de Bankia... e anda polo iate e polas vacacións en Ibiza, como se nada diso fora con él.
Ou Mario Conde, que, segundo conta, fíxose un nome no cárcere como home de ben, tanto que volveu. Agora o todopoderoso Villar e o seu fillo Gorka coñecen o lado escuro dese poder omnímodo que exerceron cando se creron intocables. Todos teñen en común partir de situacións de abuso de poder ou de autoridade, ou de ambas... Segue o verán. Ás veces volve a choiva e sempre a melancolía da túa ausencia invade a paisaxe e o meu ánimo.

Dos factores humanos

Te puede interesar