Cambados chamando a San Caetano, hai alguén aí?

Vanse cumprir dous anos das eleccións locais que desprazaron ao PP do goberno municipal de Cambados e este partido semella seguir sen aceptar nin asumir os resultados do 24 de maio de 2015. Xa sabemos que esa organización política non ten destacado nunca precisamente polo seu talante democrático pero, a estas alturas da historia, xa vai sendo hora de que cambien as súas actitudes e comportamentos. E non me refiro soamente ás súas declaracións ante os medios de comunicación senón tamén ás súas actuacións institucionais. 
Que a Xunta de Galicia non se está a portar ben con Cambados dende hai xa 23 meses é unha evidencia incontestable e ratificada co paso do tempo. Porque ao final o tempo dá ou quita a razón e deixa en mal lugar a quen engana, minte e calumnia.
Así, a día de hoxe, o noso pobo continúa agardando pola apertura do Centro de Día, polos permisos para as obras da praza de abastos, polas reformas que precisan o Centro de Saúde e a Casa do Mar, pola autorización de patrimonio para realizar as obras do Plan Concellos do ano pasado, pola desafectación das casas do Colexio Magariños, pola ampliación do Instituto Asorey, polo arranxo das estradas autonómicas no noso municipio, pola axuda para os eventos da Cidade Europea do Viño, etc.
Non só non axudan senón que poñen todas as trabas posibles. Mentres, os seus compañeiros de partido cambadeses, con Luis Aragunde á cabeza, empregan unha linguaxe cínica para culpar dos retrasos das aperturas e obras ao Goberno de Cambados cando coñecen perfectamente a estratexia premeditada deseñada por Feijóo, Rueda e Tourís.  
Porque o que está a facer a Xunta con Cambados é maltrato institucional. Fartos estamos de chamar e que non atendan, de pedir citas e que non reciban nin respondan. Cansos das súas ameazas encubertas e dos seus enganos e mentiras.
Señores dirixentes do Partido Popular de Galicia, compórtense, por favor. Actúen democraticamente. As normas existen para todos. Para vostedes tamén. 
Tino Cordal é portavoz de Somos Cambados e concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade. 

Cambados chamando a San Caetano, hai alguén aí?

Te puede interesar