Señora valedora, eu non quero ser lelo

Pois eu, porque non son lelo, falei, falo e falarei galego sempre. E tamén portugués, e italiano, e francés, e inglés, e latín e grego clásico e, por suposto, castelán ou alemán e incluso ruso da nova Rusia. Porque os que non somos lelos, precisamente por iso, non somos excluíntes. Por exemplo, eu coñezo cen palabras de caló, porque traballei e traballo co benquerido mundo xitano. Preocupeime de manexar un grupiño de palabras e frases búlgaras porque no cárcere onde fago un voluntariado hai persoas desa nación. E o mesmo digo de Somalia. 
Cando te preocupas polas persoas entras no seu mundo afectivo ou, polo menos, que se vexa que o intentas. Por iso non son lelo. E iso, o da afectividade, ensinoumo o galego do meu povo e dos meus devanceiros que tantas veces tivemos e temos de sufrir: “hable usted en cristiano”. 
Con todos os respectos para a señora valedora, máis ben semella desvaledora, non concordo co seu dictame. Na Galiza, a única lingua e persoas discriminadas somos os galego falantes. Pero, por que non somos lelos, seguiremos falando e exercendo de galegos universais e por iso, con autoestima auténtica e ao non sermos uns pobres acomplexados vítimas doutros acomplexados que renegando da súa cultura pensan que lle fan un grande servizo á humanidade póndose a carón do estilo Trump, que aquí coñecemos de vello, por iso eu poñerei ese cartel dos nenos de Panxón no máis fondo do meu ser e actuar. E por iso, repito, eu non son lelo. Nin por falar galego nin por canto se me poña por diante. Sobre todo cando esa lingua e esas verbas saen da boca dun pobre, dun refuxiado, dun meniño, dunha mociña mal considerada ou ameazada, dun labrego do rural espoliado ou dun obreiro sen cualificar, ou duns nenos que están a traballar as linguas e a nosa lingua na escola,etc. 
Por que esa xenreira? Pois porque a nosa lingua é asociada por eses chisgarabíses coma a lingua das crases populares, por máis que logo de formas diversas inclúan a palabra “popular” para pedírennos votos. Pero vai sendo hora de que deixemos de sermos lelos. 
Por que a lingua galega non serve para o ensino das matemáticas e demais ciencias, señora valedora? Non a vexo eu aí tan dilixente na defensa dos dereitos de toda unha comunidade con lingua de seu. E o mesmo diría das igrexas, xulgados, tanatorios, prensa escrita, mundo da cultura, políticos, tv, etc. 
Tiñamos un plantel recoñecidísimo de artistas e actores e artes escénicas. Que fixemos con eles? O seu xefe, o Señor Feijoo, co Sr, Vázquez e o Sr. A. Lorenzo, agora desaparecido, reducíronos á miseria. Iso si que é ser lelo. E vostede non lles dixo nada.
Pois non. Eu rebélome. E cos meus oitenta anos non vai vir vostede, señora valedora, intentar reducirme a lelo porque eu defenda o meu dereito a ser atendido en lingua galega. Non hai moito escribín un artigo porque en Abanca se negaron a atenderme en galego porque “la operadora no me entendía en gallego y no estaba en la política de su empresa”. E tiven que irme sen ser atendido. E de vostede non recibín apoios.Manda “trillos”, diría o Sr. Trillo. 
Non, señora valedora. Non confunda. Ese letreiro dos rapaciños dunha escola non humilla a ninguén. Máis ben é un berro de inocentes, como son os que escriben o cartel, os rapaces, para non sufriren indefensos o abuso de grupos fortes de intereses non tan santos. Se non estivesen marxinados por uns fánaticos, os alumnos, que son moi intelixentes, non perderían o tempo nesas “miudezas”. Pero pode descansar. A causa da xustiza acaba de avanzar miríades siderais!  “As cousas no seu sitio”, como debe ser!, señora valedora.
Un slogan de Cáritas na defensa da causa da muller maltratada e emigrante dicía así: Sen igualdade non hai xustiza e sen xustiza non hai igualdade. Eu concordo moito máis con Cáritas que con vostede. Que lle imos facer!
“Adieu, dit le renard. Voici mon secret. Il est très simple: on ne voit bien qu’avec le coeur. L’essentiel est invisible pour les yeux”  Sóalle, non si?Como non está en galego non terá dificultades en entendelo nin será por esa razón refugado coma o cartel do CPI Panxón. Eu, como din os rapaciños, non son nin quero ser lelo. Coa meirande consideración e gratitude para vostede, porque unha cousa son as ideas e outra as persoas. De vostede, afmo. Xaquín Campo Freire.
 

Señora valedora, eu non quero ser lelo

Te puede interesar