Escocia segue a votar nacionalista

Moitos comentarios xurdidos en Londres e Madrid afirman o fracaso case catastrófico dos nacionalistas escoceses do Scottish National Party (SNP) nas eleccións británicas últimas. 
O Reino Unido elixe en circunscricións uninominais (o que gañe por un voto leva o escano) 650 deputados, dos que Escocia achega 59. Nas eleccións do 2015 o SNP obtivo 56 sobre 59, cun 50% de votos, mentres que agora obtivo só 35 (60% dos escanos escoceses), cun 37% de votos. Se a isto lle engadimos que Angus Robertson, vicelíder do partido e Alec Salmond, anterior first minister perderon cadanseus escanos fronte a conservadores escoceses, indubidábelmente a perda relativa foi importante e xustifica a chamada á análise demorada e ao control de danos da líder nacionalista e first minister Nicola Stugeon .
Mais os resultados do 2015 foron absolutamente excepcionais.O propio xornal nacionalista “The National” recoñeceu que mesmo eran freakies. Nas anteriores estatais de 2010 o SNP quitara só 6 escanos. O que ocorreu nas eleccións xerais do 2015 foi que o SNP nucleou todo o voto afirmativo do referèndum do 2014 e unha fracción do negativo, recollendo o  anoxo da maioría da cidadanía coas promesas incumpridas dos tres partidos dun incremento substancial da autonomía se a cidadanía votaba NO. Xa que logo, foi o propio electorado laborista, conservador ou lib dem quen non acodiu votar ou prestou o seu apoio ao SNP, diante do desprestixio xeral en Escocia das opcións unionistas.
Nestes dous anos o Partido Conservador Escocés, liderado por Ruth Davidson, muller contraria ao Brexit, de orixe obreira e que confesa abertamente a súa homosexualidade, soubo darlle canle á expresión política de sectores sociais que temen máis a independencia ca o Brexit até acadar o 28% dos votos o xoves pasado. Por outra banda, a progresión de Corbyn mobilizou parte do voto de centro-esquerda escocés a prol dos laboristas, nunhas eleccións en clave bipartidista no que o que se xogaba nos últimos días era se ía gobernar Theresa May ou Jeremy Corbyn.
Xa que logo,  o resultado acadado polo SNP na Escocia non foi ningunha catástrofe, senón a clara concreción de que, mesmo nunhas eleccións en clave estatal e bipartidista, a maioría relativa dos votantes escoceses segue a votar escocés. 
 

Escocia segue a votar nacionalista

Te puede interesar