Falemos de cartos

Dicía Suso de Toro xa no 2003 que “a política española é un xogo de caloteiros con cartas marcadas e ases na manga’’. Unha realidade multiplicada no 2018 cando o tripartito do 155 loita por unha brutal recentralización que abeira tamén a plena centralización financeira e económica en Madrid, arredor das elites financeiras, da distribución eléctrica e das actividades concesionais e construtoras que compoñen o chamado “capitalismo castizo do BOE”.
Neste contexto fálase de financiamento autonòmico. E outravolta saen axiña as cartas marcadas. Primeira falsidade : o sistema de financiamento autonómico é un xogo de suma cero. È dicir, se gaña Galicia perde outro. Por qué? Porque suponse que as partidas orzamentarias destinadas ás políticas a desenvolver polo Estado son intocábeis. E iso non é certo.
As contas hai que botalas a xeito. Onde están os gastos verdadeiramente importantes? Nas Administracións autonómicas, que atenden sanidade, educación, servizos sociais e dependencia. É dicir, os gastos fulcrais do Estado do Benestar, canda as pensións e a cobertura do desemprego. Primeiro haberá que garantir o financiamento destes servizos e despois decidir polo futuro financeiro dos outros gastos que financia a Administración xeral do Estado. Por exemplo, o Estado retén recursos para políticas nas que non ten competencias, como vivenda, igualdade, cultura ou turismo. Estes fondos haberìan estar territorializados. O Estado, por outra banda, mantèn unha estrutura desaquelada. Seis Ministerios abondarían para xestionar todas as súas competencias.
Estes mesmos apóstolos do unionismo son os que falan de Galicia como un país pobre, financiado pola solidariedade do Estado. Mais os dados son outros. Como ven de expór Antón Sánchez ( En Marea ) entre 2009 e 2015 a recadación fiscal galega medrou un 44,7% fronte a un 32% en Madrid. O 16,89% da recadación estatal do Imposto de Sociedades sae de Galicia, que só achega o 5,2% da poboación estatal. As balanzas fiscais oficiais non teñen explicación ao absurdo de que a comunidade autònoma de Madrid recade case o 50% dos tributos dos quince territorios do réxime común, cando non achega nin o 20% do PIB estatal.
Precisamos, pois, falarmos de financiarmos o benestar. Falemos, pois, de cartos. Pero sen trampas.

Falemos de cartos

Te puede interesar