O noso derby

Compre recoñecermos o mérito cando sabemos facer as cousas ben. Neste senso, o clima de amizade acadado nos nosos derbies fala ben do civismo e do patriotismo das dúas afeccións. Nestes últimos anos, facendo parte dunha grande remuda xeracional, aquela violencia, aquela intolerancia ficou atrás. Os localismos foran potenciados aposta para evitar a unidade entre galegos. Así foi no franquismo e así fixeron na transición caducos españolistas como Leri ou Paco Vázquez. A reivindicación dunha Coruña ou dun Vigo paifocos e illados do resto de Galicia percuraba, en realidade,  neutralizar o desenvolvemento da nosa conciencia como País.
Velaí como a non  doada institucionalización da previa cantando xuntos o Himno Nacional, ou  o costume sán de irmos xuntos de troula deportivistas e celtistas visibilizan que son moitas máis cousas as que nos unen. E que só nos separa nada máis que distinto amor futbolístico. O que non impide respectarmos antes, durante e despois do partido. A aperta entre Anxo e Roque no anuncio Imposible sen ti fai máis pola idea de País ca media ducia de mitins galeguistas dirixidos aos de sempre. No deportivo, o derby debeu rematar en empate. Mais o Celta aproveitou a única oportunidade mentres o Dépor perdeu a única súa. Aspas decidiu e o de Moaña voltou amosar que lle falta en deportividade  o que ten a moreas en calidade futbolística. Nesta caste de derbies as provocacións están de máis. Galicia semella ter integrado xa a rivalidade futbolística no seu ADN, vivindo en galeguidade e amizade.
A arrincadeira
Escocia pronunciouse en xuño pasado nidiamente contra o Brexit (62 vs 38%). Europa é para a maioría dos escoceses unha aposta de integración e desenvolvemento, coñecedores de que a conservadora Inglaterra prioriza a desregulación laboral ou ambiental fronte ao fondo sentido comunitarista dos caledonios.
A first minister nacionalista, Nicola Stugeon, ven de anunciar un novo referéndum de independencia cara fins do 2018 ou primeiros do 2019, intrepretando a xeito o fondo malestar dos seus compatriotas a respecto do Brexit.
 

O noso derby

Te puede interesar