Unhas son máis iguais ca outras

Na Animal Farm de George Orwell os porcos reitores da revolución animal que botara fóra ao granxeiro foron desnaturalizando, co paso do tempo, a igualdade proclamada ao comezo (“todos os animais son iguais”) para xustificar os seus privilexios, chegando lexislar “todos os animais son iguais, pero algúns son máis iguais ca outros”. Da lectura da sentenza do caso Noóos tiramos a mesma conclusión a respecto das persoas: todas iguais, pero unhas máis iguais ca as outras. Cristina de Borbón foi absolta da acusación de delicto fiscal por considerar o Tribunal que, malia ser socia, non era administradora de feito nin de dereito da sociedade Aizoon. 
Aizoon era administrada polo seu home e cobraba por servizos supostamente prestados ao Instituto Nóos, asociación teóricamente sen fins de lucro que era a que conseguía os cartos públicos e na que rexía unha Directiva na que Urdangarín era presidente, o funcionario da Coroa, Gª Revenga tesoureiro e a Borbón vogal. A Aizoon se lle cargaban gastos persoais en grande contía, mesmo o servizo doméstico da familia Borbón-Urdangarín. E Cristina non se enteraba. Sen dúbida unha respectábel interpretación xudicial dos feitos probados que, porén, choca moitísimo coa praxe xudicial noutros casos semellantes.
Por outra banda, a condena penal de Urdangarin é certamente benigna. O Tribunal decidiu condenalo polos delictos  continuados de prevaricación e falsidade en documento público e polo delicto de malversación de fondos públicos. Mais o Tribunal rebaixou substancialmente a pena aplicando unha regra pouco usada do Código Penal que permite beneficiar en circunstancias moi excepcionais  aos autores non directos (Urdangarín era só cooperador necesario) e, por riba, aplicou a atenuante de reparación do dano, de moi discutíbel ponderación tendo en conta o atraso procesual co que Urdangarín depositou parte do diñeiro defraudado. A mesma regra de rebaixa da pena aplicábel e a mesma atenuante  se lle aplicou ao delicto de fraude á Administracion balear polo que tamén foi condenado. Se ao exposto lle engadimos a omisión total a respecto do papel xogado en todo este conto polo Emérito fica claro que algunhas persoas son máis iguais ca as outras.

Unhas son máis iguais ca outras

Te puede interesar