A forxa dun mito

Van alá cincuenta anos da morte cruel, no altiplano boliviano, dunha figura icónica do mundo revolucionario e de rebeldía con causa, nunha escura operación do exercito local teledirixida polos servizos da intelixencia norteamericana que acadaron rematar deste xeito coa súa bicha máis temida, á que viñan perseguindo obsesivamente por todos os recunchos posíbeis do planeta. Nesta paraxe territorial de campesiños pobres, perdeu a vida Ernesto Guevara de la Serna, arxentino de nacemento; e xurde á tradición histórica o mito do Che Guevara, cidadán cubano fundamental no movemento guerrilleiro que restaurou a dignidade popular fronte á ditadura corrupta e criminal que asfixiaba esta illa caribeña, submisa ao interese e negocio da mafia gringa.
Certo é que se asumimos a definición clásica da expresión mito como “dito ou narración fabulosa e contraposta a calquera tipo de formulación razoable e demostrada, que se usa para reflectir conviccións filosóficas, cosmovisionais ou relixiosas” no caso do Che Guevara debería cualificarse a súa figura máis ben no cadro das lendas que tamén son relato de tradición popular cunha base histórica máis ou menos rigorosa que fala de feitos naturais e marabillosos; lenda que está na fronteira entre o mito e a realidade, e do mesmo xeito que o mito vai pasando de xeración en xeración por vía oral ou escrita. Porén, no caso, é irrelevante a disquisición entre mito e lenda. 
Estamos diante dunha personalidade política que, após a súa morte, se ten convertido nunha das figuras máis difundidas dos tempos actuais. A imaxe da súa figura, partindo dunha moi atinada fotografía icónica do reporteiro gráfico Alberto Korda que o retratou nesa estampa de barbudo con boina, estrela e puro habano, é paradoxo dun negocio capitalista que dota con esta faciana a unha infinidade de soportes, tales como bandeiras, camisolas, carteis e produtos turísticos de todo tipo. O sistema económico e social por el combatido, facendo seu o símbolo para tirarlle o significado real da súa traxectoria, convicción e pensamento. Un certo xeito de facer uso do consello chinés que propón unirse ao inimigo se non se é capaz de vencelo. Neste caso, ademais facendo un aproveitamento lucrativo coa simplificación fraudulenta dunha traxectoria modélica.
Porque o verdadeiro mito forxouse no compromiso social e na acción de combate ás inxustizas, partindo desde a comodidade de vida nunha familia de orixe acomodada para ir á dificultade da acción nos movementos de resistencia dos países centroamericanos; pasando pola guerrilla e posterior acción de goberno na Revolución Cubana, e deixando a cadeira do poder retornar á inseguridade da loita pola liberación do pobos africanos ata chegar, finalmente, á mobilización campesiña sudamericana. Activismo, reflexión escrita e obxectivo vital: Ata a vitoria sempre.  

A forxa dun mito

Te puede interesar