• Lunes, 11 de Diciembre de 2017

a memoria colectiva da cidadanía galega dous acontecementos

a memoria colectiva da cidadanía galega dous acontecementos históricos recentes petan no medo á súa repetición ou, cando menos, na existencia de efectos colaterais neglixentemente ignorados. Así é. Conmemoramos o trinta aniversario daquel pesadelo, coñecido polo Casón, convertido en catástrofe social e ambiental por causa do proceder na xestión do tratamento aos centos de bidóns con produtos químicos que portaba esta embarcación de bandeira panameña,
varada nunha praia da Costa da Morte. Tamén lembramo,  cinco anos antes, a mobilización do ecoloxismo galego que foi quen coa fazaña dun pequeno barco pesqueiro da Ría de Arousa, o Xurelo, de provocar a reacción internacional que impuxo unha moratoria ao vertido de residuos tóxicos de natureza radioactiva que, nos trinta anos anteriores, unha manchea de países estiveron guindando á Fosa Atlántica, fronte á costa de Galicia. Moratoria que remata o próximo ano.
Co sentidiño común ollando de cara atrás na historia recente, concluímos que moi pouco ou practicamente nada, que vén a ser o mesmo, se ten avanzado nalgúns aspectos do risco que nos representa este  corredor marítimo que ve pasar miles de navíos cada ano fronte ao litoral galego. As competencias en salvamento marítimo seguen a ser, incomprensiblemente, materia aguilloada polo goberno central que funciona oa “lóxica mesetaria” da xente que non vive a realidade  dun mar, tan proveitoso e benéfico como tamén temible na súa dinámica meteorolóxica; unha experiencia,
en materia de prevención e socorro, que só pode  achegar unha administración próxima á realidade dos  riscos e do espazo no que se precisa da intervención. O alongamento en número de millas náuticas para fixar a rota dalgún dos cargamentos, ademais de mínimo e falto de rigor no control efectivo, non é suficiente  para evitar o desastre. Próbao o sucedido co Prestige. Porén, resultando imposíbel mudar a historia dos sinistros soportados pola xente deste noso país, é
urxente reflexionar sobre a temeridade que representa a teima e peche de opcións ao estudo das consecuencias que poden estar a derivarse, precisamente da existencia dese material radioactivo e tóxico, coa súa permanencia inmutábel perante miles de anos, ancorados nunha extensión marítima de centenares de quilómetros cadrados, metidos en bidóns de materiais facilmente deteriorábeis polas condicións do medio marítimo no que andan, sen coñecemento nin
avaliación da realidade que representa este cemiterio nuclear. É de lóxica primaria pensar que, entre máis de cento cincuenta mil toneis así, máis de un terá producido algunha fuga, provocando un efecto de contaminación de consecuencias irreparábeis na cadea alimentaria, e poda que para a saúde humana á que chegará nalgún intre. É tempo de control, análise e medidas preventivas.