A pitonisa do FMI

aliteratura grega clásica achegounos expresións fundamentais para construír o mundo dos mitos modernos; palabras para definir funcións e atributos que aínda hoxe continúan pola rota iniciada fai milenios. Por iso, definimos pitonisa como “sacerdotisa de Apolo en Delfos que constituía un dos elementos primordiais no ritual de oráculos”; isto é, muller con capacidade de anunciar o futuro. Todo en base a lenda que transfigura a terríbel e mortífera cobra pitón na bondadosa tradutora das mensaxes divinas. Velaí o papel dos informes do FMI, emitidos para forzar a implantación de políticas interesadas, en beneficio de seu, polos poderes económicos.
Resulta curioso saber que, na escolla da meiga intérprete do citado templo ateniense, os xestores do complexo variaron a preferencia, do comezo na que se optou por mozas novas ata os últimos tempos no que se prefería as maduras con máis maña para controlar á clientela. Lembremos que o ritual típico consistía en colocar á pitonisa enriba dun trípode situado sobre unha greta profunda da roca que daba aceso á cova do medo, nunha falla pola que emanaban gases alucinóxenos que facían que a muller entrase rapidamente nun estado eufórico e de transo, agrandado pola acción de rumiar follas dunha planta narcótica que lle provocaba un notorio estado psicótico.
Velaí o memorando, coa infalibilidade dos deuses, dado a coñecer pola pitonisa responsábel do traballo de pescuda do FMI para o ámbito español, Andrea Schaechter, mandada pola suma sacerdotisa, Cristine Lagarde, para meter presión coa invariábel receita de sempre: Queren que se incremente a presión fiscal, especialmente con máis IVE; alongar de xa a idade de xubilación e non actualizar as pensións co índice do IPC; continuar na drástica reforma laboral, relacionando retribución con produtividade; e dicir, reducir salarios para facer máis competitivos os negocios por esta vía, sen preocuparse pola calidade dun emprego que é normalmente precario e temporal.
É a radiografía dun xeito de periódica revisión médica ou control anual do vehículo na ITV, de só cinco páxinas, datado o pasado 18 de xullo que manda truco pola coincidencia; ampliado coa proposta de manter a concentración bancaria e sumando alertas sobre o negativo efecto do endebedamento público. Outra vaca máis no millo. O sanedrín da organización monetaria, xente sen responsabilidade esixíbel, erra nun diagnóstico que vai na dirección contraria ao camiño de investimento público, mellora nos salarios e innovación que pide o BCE.

A pitonisa do FMI

Te puede interesar