A tribo dos peliqueiros

Na histórica colonización, por conquista en armas, pola que se foi privando do seu territorio soberano ás poboacións nativas, titulares das bastas praderías americanas, os novos donos acurralaron aos antigos propietarios nun espazo que alcumaron de reserva. Alí, naquel curruncho, ficou toda a esencia mitolóxicas e da tradición do que antano fora cultura dominante dunha tribo con identidade colectiva diferenciada. Algo diso tamén está a suceder, na evolución do Entroido galego fronte á invasión dominante dos xeitos e formas chegados de fóra que dominan xa, a ritmo imparábel, a forma de celebración nos ámbitos urbanos e vilegos; en case todo o territorio galaico.
Porén, nese contexto, cobra importancia de máximo valor o Patrimonio de Cultura Inmaterial que personifican un número abondoso, mais efémero, de mostras na forma ancestral de celebración con forte carga simbólica aínda presentes, con máis ou menos fidelidade á tradición, en localidades de menor poboación ou puramente rurais. Velaí, desafiando ao “esquecemento” que identifica na lenda ao Río Lima; é, nas terras ourensás próximas a esta corrente de auga e  raianas coa de Tras Os Montes portuguesas, coas que ademais coinciden moitos aspectos da manifestación, onde mellor foi gardada a memoria dunha festa ancestral que vén de tempos inmemoriais ata hoxe en dia. Beben da esencia dese ciclo agrario no que “pola candeloria metade do inverno xa vai fóra” e comeza a albiscarse próxima a etapa da floración. 
Da xénese primitiva pasouse á integración no rito cristián e daquela, profano e sacro van da man, nunha festa que dá renda ao instinto básico, camiño da primavera anunciada, coa longa corentena da coresma que debe transitarse a partir destes tres días de inverter a orde existente ou de mudar os papeis na vida cotiá, de arremedar, de facer crítica social e de exercer a liberdade cos límite do respecto. Tempo de obviar á xerarquía reinante, de satirizar ao poder eclesiástico e civil, intre para a contestación e a retranca; e momento idóneo para o exceso, sexa na comida ou na bebida, nun ámbito reducido ou na gran festa comunal compartida. Hora das trasnadas detrás da máscara.
Cigarróns, pantallas, felos, boteiros, xenerais, volantes, madamas e galáns, demos gamainchiños, sabas brancas, folións e choqueiros que se suman a compadres e comadres nun vocabulario antropolóxico único que é metáfora de denuncia do abuso caciquil castigado coa borralla de formigas caníbales na tribo dos peliqueiros.  

A tribo dos peliqueiros

Te puede interesar