A vaca indocumentada

Defínese a palabra esperpento como “persoa, dito ou cousa ridícula, absurda ou grotesca”. Un vocábulo que se expandiu, contaxiando amplamente ao mundo social, a partir do xénero literario nacido da creatividade do noso paisano Ramón María del Valle-Inclán, caracterizado por ofrecer unha nova visión da realidade, deformada e degradada sistematicamente mediante unha estética expresionista baseada na distorsión de personaxes e situacións, amais da recreación da linguaxe coloquial. Daquela, no tempo do autor arousán, para atacar os tópicos literarios e históricos. Hoxe en día, unha realidade que a cotío é superada pola absurda actuación humana. Abofé que o é. 
Velaí o caso da vaca Margarida, agochada por unha entidade de protección dos animais, alá nas terras catalás do Mediterráneo, para evitar a súa morte por aplicación rigorosa do regulamento sanitario que a ten condenada, por carecer de papeis, ao corte do pescozo no matadoiro. Sen salvación á vista. Inflexíbel norma legal que, a partir dunha malévola denuncia de parte, forza aos axentes veterinarios a someter os seus sentimentos emotivos ao mandato da inxusta lei. Unha metáfora simbólica da crueldade institucional a respecto da inhumanidade cos refuxiados.
O animal, do que tratamos, naceu manso nunha explotación de gandería brava. Por iso, resultando ser unha anomalía de rareza na súa especie, foi refugado por medio de doazón; iso si, sen o documento da súa orixe ao resultar un descastado de raza; mais con identidade propia. Perante catro anos seguiu unha vida tranquila na casa de acollida; mesmo creando unha relación de afectividade coa comunidade da xente na que convivía. Ata que chegou a delación perversa. 
Fronte á cruel maquinaria burocrática que persegue á vaca, os seus defensores propoñen a súa catalogación como animal de compañía. Certo é que non vai polo paseo marítimo da localidade paseando entre a xente, sen embargo é obxecto da querenza das crianzas e do resto da veciñanza. Se aceptamos “polbo como animal de compañía”, máis doado será facelo cun bovino, non si?. Porén, na administración pública non están pola labor. O matadoiro agarda por ela.
O balbordo creado perante a opinión pública que non entende dos atrancos para facilitar unha saída que salve a vida do animal, mesmo dotándoa dos papeis que fosen necesarios; este acontecemento esperpéntico coincide no tempo coa celebración do “Día do Orgullo Friki”, palabra esta tomada do inglés para, normalmente, denominar a esa xente que é un becho raro, a cotío considerada extravagante; e dicir, eses que fan do esperpento o seu modo de comportarse na vida. Exemplo diso: Os que buscan a morte da vaca indocumentada.

A vaca indocumentada

Te puede interesar