Abrir o cemiterio da desmemoria

Atinado, oportuno e certeiro, no fondo e na forma, “Non des a esquecemento” é un libro de Luís Bará que vén para abrir o cemiterio da desmemoria programada polo réxime franquista para agochar ás vítimas da súa represión. É un traballo de teimosa investigación que bebe nas fontes da lembranza persoal, da colaboración solidaria doutras voces e na pescuda dos arquivos da barbarie á procura de “contar o que pasou nun relato emocional, subxectivo, belixerante, impregnado da memoria oral, receoso dos informes oficiais e afastado tamén da neutralidade e da distancia de moitos estudos académicos”. Verdade, xustiza e reparación a prol das vítimas.
Estes “relatos do xenocidio fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade” é mérito, tamén, do Instituto de Estudos Miñoráns, entidade editora da publicación a través da iniciativa asumida pola súa Aula de Cultura Ponte das Rosas co obxectivo final de que o recadado coa venda do libro, por doazón altruísta do autor, contribúa ao impulso do proxecto “Bosque da memoria en homenaxe aos presos do cuartel de Figueirido e ás mulleres solidarias” que cobiza realizar o colectivo de memoria histórica “A Regaduxa”; grupo de voluntariado cidadá comprometido que moito ten a ver coa iniciativa do deputado nacionalista na Cámara do Hórreo á hora de alumear o seu blog, do que toma o título literal para esta obra, espazo vivo e dinámico na rede de Internet. 
Polas páxinas do volume, extenso sen traspasar a fronteira do equilibrado, o antigo director xeral de Creación e Difusión Cultura da Xunta, no goberno compartido por nacionalistas e socialistas, vai debullando a pegada do terror, do medo e da reacción solidaria en multitude de historias humanas que agrupa en capítulos que tratan da súa Vilaboa natal, o ronsel das silenciadas, Memorial de San Simón, as das casas refuxio e a historia da noite. Abre unha entrevista ao autor a xeito de limiar para entender o contido e pecha co epílogo dos agradecementos en detalle fino.
Non des a esquecemento, lembranza do texto pondaliano no himno galego cando celebramos o centenario da morte do bardo bergantiñán, é “un acto de compromiso, unha homenaxe ás persoas protagonistas e ás súas familias”, latexo de vidas nobres e dunha humanidade nunca derrotada “porque a memoria non pode ser só unha mirada cara atrás, unha viaxe nostálxica e emotiva ao pasado”. Ten a obriga de converterse nunha procura incesante da verdade, que é o primeiro paso para restablecer a xustiza, para reparar tanto dano e tan mal como se ten feito.  

Abrir o cemiterio da desmemoria

Te puede interesar