Acoso ao Convento de Herbón

Unha revelación, nun asunto que é máis próximo e querido, desvía o interese na xornada da comparecencia de Mariano Rajoy, en sede parlamentaria, para asumir que se “equivocou” a respecto do amparo, axuda e complicidade que lle dou por moito tempo ao tesoureiro do Partido Popular, Luís Bárcenas, condutor dun proceso de financiamento irregular e de corrupción política e institucional do que, sen dúbida el, como presidente é colaborador necesario. Tempo haberá para comentar este tema, incluída unha nova expresión do lapidario rajoyniano: “fin de la cita”, trending topic. Porén, o centro da preocupación é a decisión dos franciscanos que veñen de acordar o peche da comunidade de relixiosos encargados de coidar e dinamizar o monumental Convento de Herbón, valioso patrimonio arquitectónico  fundado en 1396, sucumbindo así á presión exercitada sobe eles polo goberno municipal de Padrón, e da rede caciquil instrumentada na parroquia que aproveita o lucro dun pemento que chegou alí, precisamente, grazas aos frades que o trouxeron das terras mexicanas.  As manobras de intimidación e acoso, en contra dos frades do lugar, mesmo utilizando para elo xeitos de ameaza propios da mafia calabresa, teñen por obxectivo impedir a declaración deste complexo histórico como Ben de Interese Cultural, asegurando con elo a súa rehabilitación e coidado imprescindible como legado material. Os responsables da Xunta, semella teñen cedido ao interese dos caciquiños locais. Agora, fica no ar o futuro dos convenios e acordos impulsados con visión de futuro polo seu gardián, Frei Roberto Freire, que con decisión firme e obxectivo de responsabilidade social fixo que esta venerable institución, centro de formación para milleiros de alumnos do rural sen outra alternativa para cursar estudos no pasado, fose quen de integrar na vida actual do centro a colectivos de atención a persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, entidades culturais e de coidado do medio ambiente. Mesmo, o Seminario galego de Educación para a Paz e o Instituto de Estudos Irienses teñen aquí o seu centro operativo. A relación coa Asociación de Amigos do Camiño fai do antigo seminario un dos mellores lugares de albergue.
Toca reaccionar. Non se pode perder o valor material e inmaterial dunha manchea de persoas que deron forma, co paso dos séculos, a unha institución emblemática. Iso, ou veremos como o tempo fará que do actual acoso se pase a fase de derribo.

Acoso ao Convento de Herbón

Te puede interesar