• Domingo, 24 de Septiembre de 2017

Amigos da cultura solidaria

migos de Galicia está de aniversario, trinta anos de traxectoria

migos de Galicia está de aniversario, trinta anos de traxectoria crecente, e celébrao nunha data simbólica para a cultura deste país, o Día das Letras Galegas. Non é coincidencia fortuíta, non; a Fundación, entre outros fins, constituíse para promover a identidade cultural galega en relación á promoción da lingua, as artes e as tradicións populares da nosa sociedade;  e para divulgar a obra de autores noveis, estimulando a súa creatividade coa convocatoria de diferentes premios e certames e coa publicación da obra seleccionada, en moitos dos casos da man doutros parceiros institucionais. Importantes figuras da literatura galega actual comezaron aquí a súa traxectoria.
Na fase actual da crise económica e social, atizada cruelmente sobre as persoas máis desfavorecidas, a Fundación Amigos de Galicia como non pode ser doutro xeito, centra a meirande parte do seu esforzo e recursos na axuda á xente, ás familias e aos colectivos máis necesitados de solidariedade humana, moitas veces enchendo o oco da responsabilidade que deixa baleira o ámbito público. É misión e deber que se atende desde a vocación de servizo á sociedade, un dos piares que dotan de personalidade pública a esta entidade sen ánimo de lucro.
Axudar ás persoas en situación de carencia nos recursos básicos é a liña de traballo prioritaria da Fundación que conta co respaldo unánime, as achegas económicas posíbeis e todo o compromiso necesario por parte dos patróns; xestionada coa máxima eficiencia no uso dos fundos dispoñíbeis por unha equipa humana que traballa con sensibilidade social, acompañados pola imprescindíbel labor dun voluntariado altruísta; e polo papel básico da doazón dos colaboradores empresariais.
Amigos de Galicia, xa é un referente de primeira liña na misión de axuda aos colectivos con limitacións económicas e sociais, facilitando a cobertura das súas necesidades básicas na vida cotiá, especialmente daquelas familias con nenos ao seu cargo, mediante o desenvolvemento do “Plan Integral de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social”. Ese papel sobranceiro e o seu continúo crecemento nestes pasados trinta anos, colocando á Fundación ao mesmo ou superior nivel doutras organizacións estatais, débese en boa medida á eficaz labor de dirección e ao feito da súa continuidade regular no tempo, orientada no camiño por unha ben trazada folla de ruta. 
Por iso, mirando de cara atrás, de non existir a Fundación, nestes últimos anos, este anaco do mundo no que vivimos con certeza sería moito menos xusto. Que veñan logo outros “mil anos máis para a cultura galega solidaria dos Amigos de Galicia”.