Anatomía do iceberg

Ese bloque de xeo que flota no océano despois de desprenderse dos glaciares, un xeito de fragmentación da masa xeada polar de carácter continental, roto como consecuencia da acción erosiva mecánica e térmica das mareas e das ondas mariñas, unha illa peculiar que coñecemos polo termo xermánico de iceberg é, para o interese da opinión pública internacional, unha atinada metáfora do tempo actual polo que atinxe a ese novo fenómeno das falsas noticias; e, curiosamente, tamén polo reiterado descubrimento de continentes baixo as augas mariñas. E dicir, o mundo agochado, oculto á vista transparente da humanidade por obxectivo inconfesábel.
No ámbito da socioloxía, o concepto de noticias falsas, popularizado na súa expresión inglesa de “fake news”, é tema a debate pola transcendencia que a cuestión ten desempeñado en recentes acontecementos, tal é o caso do proceso electoral en Estados Unidos no que tivo, probabelmente, un papel determinante á hora de facilitar a vitoria electoral de Donald Trump. O persoeiro en cuestión, sumado a súa cohorte de colaboradores coa súa garda pretoriana á cabeza, é un modelo na utilización pasada e presente deste xeito inmoral de lanzamento de informacións sen a mínima ética no que respecta a veracidade do contido. Puro esperpento cando o intento de xustificación é tan parvo que non se sostén nin entre os máis adictos ao seu estilo. Velaí o último caso no que sitúa un inexistente atentado terrorista en Suecia, causado por inmigrantes acollidos, porque “viu unha reportaxe que así o aseguraba” nunha cadea de televisión. Certamente, saber que o temíbel maletín nuclear está nas mans deste presidente non é para sentirse nada confiados.
Con todo, esas falsa noticias que nun eufemismo sarcástico agora coñecemos por “posverdade”, é cuestión moral que afecta ao mundo do xornalismo, hoxe necesitado dun decálogo de boas prácticas que impida a súa fácil propagación; e, pola contra,blindar a necesidade de que os profesionais da comunicación actúen como barreira eficiente para impedir que a mentira disfrazada contamine, vía amplificación das redes sociais, o coñecemento dos feitos verdadeiros. As noticias falsas é unha grave ameaza á liberdade de información e aos valores democráticos.
Se nun iceberg sete das oito partes nas que puidera dividirse están asolagadas, no caso do anunciado novo continente, por nome Zelandia, que se proclama como descubrimento científico, a parte emerxida aínda é proporcionalmente menor. Fica limitada á contorna territorial de Nova Zelandia e Caledonia; o demais esta baixo as augas do océano. Ámbito fóra da vista, o mundo B. 

Anatomía do iceberg

Te puede interesar