As teses de Lutero

Cóntase na historia aceptada, como feito relevante e transcendente, que o 31 de outubro de 1517, véspera do día de Todos os Santos, data sobranceira no catolicismo, Martín Lutero, nun xesto calculado e cheo de simbolismo, pendurou escrito con noventa e cinto teses alternativas á doutrina e ás prácticas de culto habituais nesa época entre as autoridades eclesiásticas; na porta da igrexa do castelo de Wittenberg, capital do ducado de Saxonia. Con esa iniciativa promoveu unha controversia á que retou, en debate público, aos defensores do dogma reinante. Este xesto, acaecido medio milenio atrás, é o xermolo dunha dinámica que vai impulsar en toda Europa unha reforma relixiosa, mais tamén unha auténtica revolución política, cultural, económica e social.
No camiño da que ía ser a Reforma Protestante; tal como a consideramos nominalmente hoxe en día no ámbito cultural dos países impulsores da posterior Contrarreforma vaticana que lle puxeron este adxectivo asociado á Protesta de Espira, presentada por varios príncipes e cidades alemás, en 1529, contra un edicto do emperador do Carlos V de Alemaña, primeiro de España, que pretendía derrogar a tolerancia relixiosa concedida desde tempo inmemorial aos principados teutóns. Aquí radica unha das condicións que fixeron posíbel o éxito do movemento impulsado por este frade agostiño e outros humanistas que contaron cun sólido respaldo popular. Moito ten a ver a división social existente naquel espazo territorial e no tempo medieval en que sucedeu, caracterizado pola existencia dunha alta nobreza e de outra de segundo nivel que atravesaba momentos difíciles para súa economía e vían nas posesións improdutivas da Igrexa Católica unha oportunidade de ampliar o campo de negocio aproveitándose da crítica luterana contra a excesiva riqueza, pompa e boato da curia; en reivindicación da entrega desas terras aos señores locais para súa utilidade.
Para alén da repulsa ao tráfico de indulxencias que se repartían a esgalla por medio de bulas coas que o papado financiaba a construción da Basílica de San Pedro, as teses do profesor de Teoloxía da Universidade de Wittenberg na súa aposta polo modelo de cristianismo primitivo colleu velocidade pola adaptación idiomática da Biblia á lingua falada pola xente do pobo e usando da moderna imprenta para difundila. O resto foi rodado. Triunfo da rebelión, con claros e escuros, que conquistou millóns de almas para súa igrexa.

As teses de Lutero

Te puede interesar