A biblioteca do convento

Para alén do lícito obxectivo relixioso de captar vocacións que converter ao sacerdocio, o caso do convento franciscano de Herbón é un modelo paradigmático dos antigos seminarios que prestaron, nas décadas de mediado o século pasado, un impagábel labor social no ensino e formación de alumnado procedente de ámbitos rurais para os que non era doada a docencia académica en centros urbanos de titularidade pública sen posibilidade de facilitar aloxamento e manutención completa. Moito menos nos de carácter privado, tanto polo seu custo como pola tendencia a ser opción de elite, moi distante da orixe humilde e sen recursos da xente do campo.
Velaquí, polo que atinxe a esta emblemática entidade padronesa, a importancia na promoción e mobilidade social que facilitou a vida persoal, as carreiras profesionais e, nalgún caso, o exercicio da consagración á misión eclesiástica. Todo iso forxado nun conxunto monumental que, agora, goza da catalogación de Ben de Interese Cultural. Cunha longa historia, toda vez que as orixes desta institución están ancoradas no século XIV, fundado como lugar de retiro para os “frades da pobre vida”, primeiro co nome de convento de San Francisco e máis tarde co de San Antonio, advocación á que continúa fiel na actualidade. A partir de 1701 foi colexio de misións. Aquí pasaban, para formarse, misioneiros que logo irían parar a diversos territorios da América Latina. Unha viaxe de ida e volta que, entre moitas outras experiencias e cousas, traería á ladeira padronesa do Río Ulla o afamado Pemento de Herbón que hoxe en día goza do amparo de denominación de orixe protexida, fonte de riqueza para a veciñanza desta parroquia.
Os tempos mudaron de xeito radical. Vai alá, xa, un cuarto de século coas aulas baleiras. A reducida comunidade de frades fai o que pode para manter a enorme edificación. Unha asociación de antigos alumnos, de entre os máis de tres milleiros que pasaron por aquí, sumando esforzo coa orde relixiosa titular, entidades sociais e asociacións locais, mediante fundación ad hoc, procuran dinamizar a utilidade pública dun espazo no que ten cabida a natureza, a paz, a solidariedade ou o acollemento de peregrinos.
Porén, un tesouro de natureza cultural inmaterial está berrando pola atención dos poderes públicos, é a biblioteca. Milleiros de libros, documentos e publicacións, nalgún caso únicos, agardan pola súa catalogación e valorización patrimonial. Tarefa urxente. É memoria necesaria dunha institución exemplar.

A biblioteca do convento

Te puede interesar