Castañas e rock and roll

astañazo Rock é un singular festival que chega este ano a edición numero quince, facendo de Chantada o epicentro musical de toda esta contorna territorial que, expresada na linguaxe dos faltóns á nosa identidade nacional, é de todo o noroeste peninsular. Aquí, o antes dito alcume de cornixa xeográfica que fai referencia eufemística a un auténtico territorio comanche, torna en capacidade de atracción positiva pola forza desta proposta cultural que vai traer á vila do río Asma doce grupos, unindo rexistro e variacións rítmicas vindas dende lonxe ata a Ribeira Sacra.
Para alén dos detalles artísticos que configuran a cita deste ano, ocupando tres días da próxima fin de semana, entre eles dúas noites cheas de boa música; cos servizos de acampada en sendas paraxes do entorno campeiro habilitadas con todos os servizos necesarios; as actividades dos xogos bravús, aberto de billarda, concurso de Cantos de Taberna, o Castañazo Infantil e outros enredos que conectaran á xente que participa no encontro de rock coa sociedade local, beneficiando especialmente ao comercio e á hostalaría dunha riada masiva de persoas chegadas de aquí e de acolá. 
Son aspectos que deben levar á consideración da iniciativa como xeito de dinamización de valor para o mundo rural nunha experiencia de éxito que moito ten a ver coa coincidencia dun fato de persoa que souberon tirar do carro, con teimosía, a partir dunha boa idea.
Mais aínda, arredor deste fenómeno sen par xurdiu un decisivo movemento que marcou de fondo, nos últimos cinco lustros,toda unha xeración da mocidade galega. A segunda edición do Castañazo permitiu xuntar bandas do rock “sen capar”, feito en galego; e froito desa irmandade de interese compartido naceu o Manifesto Bravú, en 1994, á par do Xabarín Club da TVG, proclamado aos catro ventos na taberna do Caballero de Viana, cerne de Os Rastreros e de Liviao de Marrao, os promotores da localidade que lograron sumar unha manchea de xente á causa. 
O mercado de gando chantadino é o lugar central do festival, coa súa forza visual ao conxuntar unha das bases da economía comarcal coa vangarda musical. Alí, nese espazo está prevista a degustación dun magosto popular que fará honra ao nome do certame. Castañas que se converten en elemento reivindicativo, esixindo do goberno galego unha diferente política forestal respectuosa cos usos e aproveitamentos tradicionais das árbores autóctonas, coa vaga dos lumes que asolaron con saña as ladeiras da serras do Faro e da Martiña, practicamente á vista dos asistentes ao festival pola súa proximidade e fortemente presentes na memoria das aldeas e parroquias deste concello que soportaron a traxedia económica e ambiental. 
 

Castañas e rock and roll

Te puede interesar