Os comedores de patacas

Os comedores de patacas é o título dun afamada obra literaria de Manuel Rivas que supera xa máis de dez edicións por máis que fose obxecto de incomprensión por algún pai de alumno, exercendo presión sobre profesores ou inspección educativa, incapaz de ver os valores que nela se proxectan, especialmente a importancia da comunicación coa natureza e do retorno á familia. 

Unha obra que tamén valoriza o mundo rural, ese ámbito da sociedade que hoxe está pendente da reacción dunha administración agraria que semella mirar para outro lado diante do gravísimo problema que soporta a xente do campo nunha gran parte das terras galegas por causa da couza que afecta á colleita de patacas, praga que está ameazando estenderse polo territorio adiante.

A pataca, produto alimentario básico na dieta atlántica que nos outorga personalidade, é tamén unha metáfora da inmigración acollida que botou raíz para formar hoxe en día parte do noso ADN culinario. Chega con ver os convites que marcan estas festas de Entroido para ver a importancia que este ben da natureza representa nos pratos da tradición, cómanse no ámbito da hostaleira ou no mundo do consumo propio das casas labregas produtoras. Vital na economía agraria do País.

Por iso é criticábel a confusión que está a producir a dirección da Consellaría de Medio Rural, amosando unha faciana pasiva diante da problemática, nunha situación que comezou fai dous anos en só cinco concellos e agora xa afecta a trinta e un na comunidade galega; e mesmo trasladando unha mensaxe de restar importancia do alcance da situación ao considerar que unicamente está prohibido vender pataca nas zonas afectadas pola praga, ademais de recomendar non cultivar a mesma. Todo iso, no entanto o Ministerio de Agricultura está a preparar un decreto no que, con absoluta certeza, acabará por impoñer a prohibición de sementar. 


É de temer que esta praga da couza guatemalteca veña para quedarse, tal como sucede en Canarias territorio no que levan dez anos sen poder cultivar o tubérculo, cousa que debe facer reaccionar ao Consello da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, ámbito na que O Salnés ocupa a sexta comarca con máis grande produción, para forzar á pronta intervención coordinada de xestores políticos, investigadores universitario e cultivadores unidos nunha fronte común que poña remedio de vez ao avance da praga. 

Caso contrario, “Os comedores de patacas”, obra pictórica de Vicent van Gogh que serviu de inspiración para a narrativa de Rivas, vai ser unha imaxe pouca dada a ver entre nós. Mágoa.  

Os comedores de patacas

Te puede interesar