Días sen luz

Nestes días de vendaval, fortes choivas e borrascas que entran trotando ao ritmo frenético do “cha, cha, cha do tren” algunhas persoas escollidas pola natureza meteorolóxica tiveron a singular oportunidade de vivir esa experiencia anticipada polos físicos da Teoría da Relatividade que aventura no plano formal a posibilidade de viaxar polo túnel do tempo. Velaquí, teoría probada coa imprescindíbel colaboración das compañías eléctricas dominantes no mercado da enerxía. Si, de certo viaxaron cara atrás retrocedendo polo menos setenta anos para experimentar a sensación de vivir sen luz eléctrica perante días; agás a presenza limitada de móbiles ata esgotar a súa batería e, nalgún caso a substitución de velas ou candís de aceite por lanternas a pilas. Días sen luz que é, tamén, unha metáfora do momento histórico que vive a humanidade sen rumbo certo.
No caso que nos atinxe, polo lado da retranca amábel, visto como a materialización explícita da teoría especial da relatividade de Albert Einstein que aborda a dilatación temporal, neste caso á inversa, posibilitando viaxar á velocidade da luz de cara atrás no tempo. Á velocidade da outra luz, non da eléctrica do pesadelo. Mesmo sintonizar co chamado “paradoxo do avó”, entendido aquí como a vivencia naquelas condicións de precariedade ancestral. No caso dos cortes soportados en varios lugares do País, o retroceso no tempo foi forzado e alongado por desatención dolosa no servizo; e polo desprezo que amosan as distribuidoras de enerxías ás áreas do rural galego.
Vivindo no mellor dos mundos posibles, aínda que por veces sexa claramente do terceiro mundo, a maldición bíblica en modo algún impón a peaxe de soportar as consecuencias de corte de luz que, entendidos inicialmente como causa dun fenómeno natural, pasa a situación de catástrofe económica e social pola desatención culpábel no mantemento da rede eléctrica, as instalacións complementarias e o servizo de atención aos clientes que, coa cómplice actitude da autoridade supervisora, amosan eses oligopolios que manexan ao seu antollo o mercado da enerxía. 
Certo é que non sempre saen coa súa, velaí a sentenza dun xulgado de Pontevedra que vén de dar a razón ao Concello de Lalín que rexeitou outorgar a unha operadora eléctrica a licenza para construír unha liña de alta tensión que afectaba a Fraga de Catasós, un espazo natural de necesaria protección ambiental para evitar sexa estragado. Agardemos que sexa causa finita.
Coa tregua invernal, as instalacións rematarán por arranxarse; as eléctricas suavizarán a crispación da opinión pública con extensos anuncios en prensa e nada mudará no substancial. 

Días sen luz

Te puede interesar