Dúas cuncas de caldo

uen non quere caldo, dúas cuncas. O proverbio galego que nos fala dun rexeitábel método pedagóxico baseado na imposición e na coacción como xeito de impartir docencia, tamén é unha certeira metáfora para sentenciar as consecuencias das decisións mal tomadas. É a evidencia do efecto perverso daquelo que se provocou coa neglixencia dolosa. Velaí unha lección, ben amarga, para o presidente norteamericano que olla, desde a súa actuación contraria ás medidas necesarias para paliar o cambio climático, a catástrofe producida polo furacán nas terras texanas, a incontrolábel vaga de incendios nas paraxes californianas e a nova ameaza que voa polo Atlántico co billete destinado para aterrar na costa da Florida, un tifón á máxima potencia temida.
O inquilino da Casa Branca é un sobranceiro campión dese movemento de xente conxurada na negación da existencia do cambio climático. Un poderoso grupo de presión formado por empresas que desenvolven o seu papel industrial en base a negocios, pouco ou nada respectuosos coa natureza e a utilización racional dos recursos, causantes da contaminación medio ambiental. Non é un criterio patolóxico de alguén que “é un maníaco psicópata incapaz de ler un libro”, en declaración de Paul Auster que anda por aquí na promoción do seu último libro editado; non. É política orientada á xestión de bens naturais dos que tirar o máximo beneficio económico, sen escrúpulo nin problema de conciencia. Vai no mesmo paquete da proposta de nomear, ao fronte da poderosa maquinaria da NASA, a un seareiro temerario dese mesmo club que declara interese por colonizar con robots o satélite lunar para explotar os seus recursos mineiros. Ollo ao piollo.
Non se deber relacionar unicamente o furacán Harvey co fenómeno do quentamento global; sen embargo é indiscutíbel que o feito da multiplicación destes fenómenos naturais, agrandados na súa virulencia, é unha consecuencia que ten a ver co efecto do cambio climático. Un asunto no que chove sobre mollado por máis que o presidente dos Estados Unidos continúe a recortar recursos ás axencias do seu país relacionadas co estudo científico, coa avaliación de riscos de emerxencia ou coa actuación humanitaria nas situacións de catástrofe. Todo para financiar o obsesivo muro con México. A el o cambio climático e os seus efectos non lle preocupan o máis mínimo. Por iso fuxiu do Acordo de París; do imprescindíbel compromiso mundial para evitar o aumento exponencial da temperatura no planeta. Malia ser o segundo estado máis contaminante.
Nunca choveu que non escampase; porén, coa reacción de Trump diante do cataclismo en Texas,  é  “estar na horta e non ver as verzas”. Houston, a humanidade ten un grave problema. 

Dúas cuncas de caldo

Te puede interesar