Estatura e cambio climático

oa debida retranca e moita cautela debe tomarse algunha das propostas en materia de combate ao cambio climático que é un feito innegábel para toda persoa con sentidiño común, agás para o presidente americano e o interese propagandístico da industria feita en base á contaminación e desfeita medio ambiental natural. Velaí a proposta lanzada polo responsábel da dirección do Centro de Bioética da Universidade de New York:  Reducir a estatura media das mulleres e homes do planeta en quince centímetros, modificando o seu código xenético.
Una tese que este señor, un filósofo de mediana idade nado en Taiwán, vén de reiterar coa súa achega literaria específica, nunha rigorosa publicación colectiva que leva por título “O próximo paso: a vida exponencial”, de OpenMind, marca para divulgación científica, aberta e plural, dunha entidade financeira; libro colectivo que reflexiona sobre a nova sociedade tecnolóxica na que o coñecemento se multiplica cunha vertixe descoñecida na historia humana.
Sostén este pensador orixinal, Matthew Liao, que reducindo os quince centímetros na estatura media das persoas, ao tempo de lograr a mesma porcentaxe na diminución do gasto enerxético global do planeta, tamén sería posíbel manter a opción dun segundo fillo por parella no canto da hipotética solución de aplicar a política chinesa de fillo único, outra medida tamén válida para loitar contra  o cambio climático; evitando a superpoboación que se aveciña nos próximos anos.
Para facer máis doce a alternativa que propón fala de políticas voluntarias, mesmo incentivadas economicamente no caso de que a “enxeñaría humana” permita asegurar unha mutación desa característica sen efectos colaterais; aínda que ten plena confianza na eficiencia do método. Para alén diso, asegura que as persoas máis pequenas son as que teñen unha mellor esperanza de vida, probado está que a máis grande parte dos centenarios son de baixa estatura. Repara en que no pasado a xente era máis cativa e foi medrando coa sociedade industrializada.
A cousa non fica aí. Sabemos que o gando vacún é fonte emisora de gas metano, liberado no proceso fisiolóxico da dixestión dos ruminantes, e con iso fonte de incremento dos elementos que aumentan o efecto invernadoiro, cerne do quentamento global da Terra. 
É por iso que noutra das súas achegas, orixinais e revolucionarias abofé que si, propón solución para minimizar o escape do gas metano expulsado polas vacas: comer menos carne en base a utilización dun “parche” semellante ao da nicotina que se emprega para deixar de fumar, inducindo unha intolerancia á carne vermella. Tomen boa nota na denominación Tenreira Galega.

Estatura e cambio climático

Te puede interesar