Ferido polo lóstrego e a lenda

oxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa étnica, filla tal vez dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar á Terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro; por cobertura ao fanal inmenso do universo; e por lámpada votiva, ao sol ardente de  xullo”, palabras de Castelao no texto do “Alba de Gloria” que chaman, un ano máis, a participar no acto conmemorativo a celebrar no cumio deste monte icónico que, por feliz coincidencia no tempo, é obxecto dun libro que inclúe achegas literarias xa editadas ou elaboradas ex profeso para esta compilación, a xeito de berro que peta na conciencia da responsabilidade institucional para que se adopten medidas de protección á natureza e patrimonio deste lugar.
Castelao, con amigos do Seminario de Estudos Galegos, acudiu ao Pico Sacro en 1924, ao pouco de se iniciar a ditadura de Primo de Rivera que proscribira a lingua e a cultura galega provocando, deste xeito, a parálise do rexurdimento iniciado unha década antes polas Irmandades da Fala. Foi unha iniciativa orientada á procura de afirmar a filiación galeguista cun espazo físico que se asociada co espírito do pobo galego, un lugar sobre o que se ergueu así unha identidade que era negada e mesmo perseguida. Velaí o porqué das verbas que consagran o símbolo deste enclave xeográfico no Alba de Gloria, discurso pronunciado moitos anos máis tarde, logo incluído no Sempre en Galiza. Memoria que serviu, tamén, a varias entidades da Federación Galiza Cultura para instituír unha cita que vén celebrándose, anualmente, cada sábado anterior ao 25 de xullo.
A testemuña e gráfica daquela visita histórica ao outeiro é parte sobranceira no libro titulado “Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda”, tomando unha certeira metáfora de Manuel María a respecto deste emblema natural; obra publicada na pasada primavera por Alvarellos Editora en base a un traballo de escolma de textos, coordinado por Miro Villar e Xose M. Labato coa axuda doutros colaboradores da Asociación Manuel Gacio de Boqueixón. Na publicación poden lerse relatos, ensaios, contos, crónicas xornalísticas e poesía de autores clásicos, algunhas ben coñecidas e outras pouco divulgadas ata agora; e colaboracións feitas exclusivamente para esta ocasión. En total noventa persoas da cultura escrita compoñen a nómina deste volume colectivo.
Velaí, o deber convócanos a subir ao Monte Ilicineo que cita o Códice Calixtino para, co lóstrego máxico da palabra de Castelao, desterrar ao monstro da desfeita que se agocha na Cova do Inferno desde o tempo da Raíña Lupa; e poder ollar así o universo enteiro. 
 

Ferido polo lóstrego e a lenda

Te puede interesar