A flor da cerdeira

Afeitos como estamos, a xente galega, á utilización das carballeiras e dos soutos de castiñeiros para facer romaría, festa e veciñanza; ninguén mellor ca nós para entender ese fenómeno de fervor popular que mobiliza á cidadanía nipona para conquistar o máis pequeno dos recunchos que sexan capaces de acadar baixo a sombra das cerdeiras en flor que, nestes días, congregan a familias, grupos de amigos e compañeiros de traballo no que é súa singular festa de primavera, chamada “hanami” naquela latitude planetaria; dito no seu idioma: Ollar flores. Fonda raíz cultural de seu que defenden como sinal de identidade histórica e tradicional.
Velaí, parques e xardín ateigados nunha vaga que vai de finais de xaneiro ata entrado o mes de maio, alí remata cando aquí entramos no tempo das flores; onda que vai subindo paseniño dende as illas máis próximas á zona tropical do mundo ata chegar finalmente ás terras máis ao norte de entre as corenta e sete prefecturas nas que se divide a organización territorios do estado. Unha celebración así, capaz de mover a preto de cen millóns de persoas, non deixa de ser centro de máxima atención e, polo tanto, de especial seguimento pola axencia meteorolóxica que informa con rigor e coidado detalle sobre as previsións locais do florecemento, a súa duración temporal e outro aspecto que guíe á poboación no goce da súa paixón pola natureza de cor emerxente.
Un fenómeno desta dimensión non poder ficar sen mitoloxía consolidada. É por iso que a traxectoria da conmemoración anual bebe da filosofía dos seus emblemáticos guerreiros, os samurais, que fixeron bandeira deste símbolo, froito da terra e do traballo humano, como lema dos seu destino vital: Morrer na batalla, en plenitude de facultades sen chegar a murcharse nunca. Do mesmo xeito en que caen da árbore os pétalos, cun golpe forte de vento sen perder nunca o seu esplendor. Mais aínda, a lenda atribuía ao costume de executar debaixo das cerdeiras ese ritual de suicidio que coñecemos por “harakiri ou seppuku” o feito de que a folla branca da árbore orixinal se teñan transformado en rosada “pola sangue que absorbía a planta”. Heroico.
Porén, aínda que nesta terra do Atlántico galego se teña adoptado esa outra flor de orixe xaponés, a camelia, para destacar entre nós na súa función de ornamentación, agás caso esporádico de utilización na nova cociña de autor; costa crer que as cerdeiras do Sol Nacente teñan renunciado ao proveito do seu froito. O seu é ser flor dunha semana; as nosas, dar cereixas. Matiz cultural. 

A flor da cerdeira

Te puede interesar