Guedellas de seda e liño

A Real Academia Galega, en sesión plenaria, vén de acordar que honremos, no próximo 2018, a memoria literaria e persoal de María Victoria Moreno no Día das Letras. Moi ben pola decisión. Un símbolo da muller, orixinaria de terras distantes do país, que partillou da nosa cultura ata formar parte senlleira dela porque “a miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”.  Mágoa diso que chamamos custo de oportunidade; e dicir, do que puido ser e non foi: Carballo Calero, unha vez máis, ficou ás portas da gloria; iso si, agrandando a condición de autor maldito. Tampouco resultou ser a hora do noso Plácido Castro.
O conxunto das e dos académicos da RAG non son alleos ás características de calquera outro grupo humano coas súas filias e fobias, as súas preferencias e, sen molestar a boa intencionalidade, cos intereses persoais de xénese individual. Daquela, a decisión final dunha selección como a producida na pasada sesión, por apenas un voto de diferenza, é a constatación de que todos os elixidos son merecentes de ser, aínda que non estean escollidos todos os que tamén deberían ser. Trabalinguas que fai honra á decisión democrática dunha institución que ten contribuído a facer da cultura galega en letra escrita un fenómeno de máximo prestixio social.
Coa escolla da autora nacida en Valencia de Alcántara, Cáceres, ponse remate á seca de voces femininas na listaxe das Letras Galegas, apenas catro mulleres nos cincuenta e cinco anos de traxectoria, a última fai unha década xa; unha evidente anomalía que o colectivo de escritoras, A Sega, tenta neutralizar coa celebración anual do Día das Galegas nas Letras, un xogo de palabra reivindicativa fronte á RAG. Atinadamente, María Victoria Moreno, foi aclamada segunda Nosa Señora das Letras, por este grupo de mulleres militantes na causa da cultura galega, pórtico á demanda que agora é, por indiscutíbel mérito de seu, estendida ao ámbito da celebración oficial.
A finada profesora que deu á luz Anagnórise, un dos máis grandes éxitos editoriais da literatura galega para a mocidade, novela incluída na relación dos libros de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil, dedicada “para os meus alumnos de Vilalonga, que me aledaron os días en que eu enfiaba esta historia, que me regalaron o bolígrafo co que a escribín”; xunta a unha extensa produción de outra múltiple obra de narración, ensaio e textos didácticos; é, tamén, autora de “Guedellas de seda e liño”, tratando dun ambiente de sosego alterado pola ruindade sempre ao axexo dalgúns personaxes. Metáfora do aquí tratado.  

Guedellas de seda e liño

Te puede interesar