A linguaxe da emoticona

moticona é esa simboloxía gráfica dominante na comunicación das redes sociais que xeralmente emula a forma dunha pequena cara que reflicte o estado de ánimo ou unha determinada intencionalidade da persoa que fai uso delas; útiles, pois, para expresar sentimentos. Porén, a súa popularidade sumada á extensión cada vez máis numerosa de opcións, para alén das simples cariñas, a xeito de debuxos que facilitan unha comunicación rápida de natureza exclusivamente visual fai que comece a verse a posibilidade de se converter nunha linguaxe de natureza propia e carácter universal. É o retorno do código dos glifos, utilizados por grandes civilizacións antigas. 
Petróglifos, entre nós; con miles de documentos gravados nas pedras galegas. Arte rupestre froito da cultura evolucionada dos nosos devanceiros primitivos que se expresaron desta forma. Xeróglifos na moi importante etapa dos faraóns exipcios para os que foron precisos anos e anos, entre os estudosos da materia, ata dar coa clave da súa interpretación; o mesmo que sucedeu arredor dos glifos da cultura maia nas terras americanas que precederon a súa colonización. 
Na súa versión cibernética, velaquí o nacemento  dunha linguaxe que reproduce no entorno dixital as características da comunicación humana dado que os símbolos funcionan de xeito idéntico aos sinais non verbais na relación cara a cara das persoas. É a funcionalidade da fala corporal, coa súa entoación ou as expresións faciais, que pode chegar a representar o setenta por cento da significación dunha conversa oral. Sabemos que “a cara é o espello da alma”, ben certo que así é. 
Aínda máis, entre os hábitos da xeración de xente nacida baixo o efecto da Internet, nomeadamente os que están na fase adolescente, a taxa de atención é de apenas oito segundos; tempo que non dá para ler. A súa atención deber ser necesariamente captada doutro xeito. Confírmase a sentencia do refraneiro asegurando que “unha imaxe vale máis que mil palabras”. E diso saben os grandes operadores do mundo da rede, os xigantes da industria tecnolóxica que orientan a nosa vida futura. Por iso, unidos no consorcio Unicode, crearon un estándar para todo texto baseado en computadora na que se inclúen preto a dúas mil imaxes de emoticonas para elixir. Vai collendo así forza ese novo idioma globalizado. 
Tamén no estudo da comunicación e da lingüística cognitiva coa publicación “The Emoji Code”, de Vyvyan Evans, que apunta á súa eficacia na interpretación máis certeira dunha mensaxe. 
Avaliacións psicolóxicas sobre o papel destes símbolos no comportamento humano proban que non só son expresións emocionais se non que engaden complexidade e claridade na comunicación. Un idioma froito dos novos tempos que aínda non ten gramática. Non demorará. 

A linguaxe da emoticona

Te puede interesar