A man invisible na economía

A “man invisible” é unha metáfora que expresa en economía a suposta capacidade autorreguladora do libre mercado. Expresión que por dereito de autor corresponde ao filósofo escocés, Adam Smith, pai da moderna Economía. A tal man máxica que opera nos mercados de bens e servizos vén sendo unha cousa semellante ás meigas, non se ven pero habelas hainas. O mesmo que sucede cos radares móbiles de Tráfico, aínda que non se podan ollar están aí, axexando para sorprendernos con ese sarcasmo de agasallo que recibimos en forma de multa por exceso de velocidade.
A hipótese da man invisible foi utilizada na primeira obra de Smith, Teoría dos sentimentos morais; aínda que popularizada no ensaio que o consagrou entre os grandes pensadores de todos os tempos, A riqueza das nacións; titulo simplificado de “Unha investigación sobre a natureza e causas da riqueza das nacións” por mais que curiosamente nesta última só aparece unha vez no texto. O concepto é un dos fundamentos ideolóxicos do liberalismo clásico que fai referencia á eficacia da competencia na regulación da oferta nos mercados; de tal xeito que, na súa función aparente, constituiría unha formulación matemática pola que dada unha determinada competencia entre distintos distribuidores de mercadorías ou servizos o seu resultado representaría un beneficio para os consumidores ao facilitarse a menor prezo. 
Certo na teoría porén o tempo amosou a falacia do teorema e, pola contra, semella dotar á “man invisible” doutro papel totalmente diferente na fixación dos prezos. Velaquí unha mostra ao comezo dun novo ano co aumento de prezos que vaticina un incremento do IPC na orde de un punto e medio por cento anual. Un efecto encadeado que parte do prezo disparado en combustibles, telefonía móbil e luz eléctrica. 
Mira ti por onde, nos tres casos atopamos tres grandes operadores que controlan o mercado a xeito de oligopolio; iso si, acompañados dunha flota de embarcacións menores, nalgún caso mesmo marcas brandas do grupo empresarial matriz para xogar nunha guerra de prezos e condicións que non afecte á marca principal. 
Este especie de “tres en raia”, tres sectores estratéxicos e básicos da economía xeral con tres operadores dominantes, leva a concluír que aquí si que hai unha man invisible que pacta prezos e condicións co fiscalizador da competencia mirando cara outro lado; deixando á xente metida no baile infernal coa música dos auténticos reis do mambo. 

A man invisible na economía

Te puede interesar