Mariví Villaverde, no panteón da memoria

uixo a casualidade que Mariví Villaverde realizase o acto irreversíbel do seu pasamento nunha data especialmente simbólica, no Día Internacional do Libro. Festa que noutros territorios vai acompañada, tamén, co agasallo dunha rosa vermella. Velaquí unha atinada metáfora, na alegoría floral, que permite asociar a súa longa traxectoria de militancia na defensa das liberdades políticas, na conquista de dereitos sociais, nos sinais de identidade da causa nacional galega, e na resistencia como folla de ruta da muller coraxe e, máis alá diso, na dignidade. Rosa rota nun calvario persoal cheo de estacións dun viacrucis que, a xeito de probas de resistencia, tivo que percorrer na súa andaina por este mundo de inxustiza, represión e desterro; aquí e alén do mar. 
Mariví é, sen dúbida algunha, parte fundamental do patrimonio moral das mulleres e homes que forxaron a historia recente do país. Formará parte destacada dese imaxinario panteón da memoria colectiva. Por mérito sobranceiro. Coa súa achega fundamental de relato biográfico na publicación de “Tres tempos e a esperanza”, da que van tres diferentes edicións dende a inicial de Alborada, 1962, no exilio de Bos Aires; ata a edición en galego cun apéndice, traballo de A Nosa Terra, pasando pola de Edicións do Castro, presentada con emotivo suceso en Vilagarcía.
Sen embargo, esa militancia na causa da memoria histórica, na lembranza dos demócratas vítimas da represión, vai asociada a súa participación dinámica, teimosa e pedagóxica, no Congreso galego que tratou do tema; e, aínda máis, no Consello Galego da Memoria xunto con outras persoas fundamentais para entender esa “longa noite de pedra” soportada pola cidadanía. Tempo relacionado cos actos conmemorativos que puxeron foco na recuperada Illa de San Simón, vello campo de concentración, e no recoñecemento ao seu labor a prol da memoria co premio da Fundación Alexandre Bóveda ou da Comisión de Memoria Histórica de A Coruña, entre outros.
Non debemos esquecer a súa participación activa noutros procesos históricos de gran relevancia para o exilio galeguista. Como botón de mostra, chega citar a súa fundamental participación no Congreso da Emigración Galega, 1956, dende as filas de AGUEA e do xornal Galicia do que era redactora. Tampouco o papel de animación do colectivo galego de Madrid, incluído o grupo Brais Pinto, que irían levando a súa simpatía de cara ao nacionalismo galego co que colaborou a cotío.
Por iso, Mariví é, e será sempre, moito máis que a filla de Elpidio ou a esposa de Ramón Valenzuela; aos que complementou con fidelidade e orgullo. É estrela que brilla con luz propia.

Mariví Villaverde, no panteón da memoria

Te puede interesar