A maxia do patrimonio histórico

Coa imaxe, aínda fresca na retina, das persoas impedidas de tomar terra, varados nos barcos das empresas de transporte naval autorizadas para o transito pola Ría de Vigo, evidencia do atentado ao medio natural que representou o ateigamento de turistas nas Illas Cíes, mesmo dobrando a cantidade máxima tolerada e poñendo deste xeito en perigo certo o futuro dun dos valores máis sobranceiros de atracción para visitantes foráneos; chega agora unha proposta alternativa ben atinada, abofé que si. É a iniciativa de promover unhas rutas guiadas para camiñar polos pasos históricos que andaron os nosos devanceiros, mesturando saúde e coñecemento.
Demostración da utilidade que representa o uso do patrimonio cultural, posto en valor con intelixencia, para amosar que outra política turística é posíbel coa posta en valor dunha tradición histórica con varios milenios de traxectoria que posibilita o “obxectivo de ir fixando na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis tamén poden ter un retorno económico ao tempo que axudan a conservar e potenciar o medio natural”. Criterio que move a varias entidades sociais constituídas para a defensa do patrimonio, e persoas comprometidas ou colaboradoras nesta nobre misión, nucleadas arredor do portal Historia de Galicia, promotoras do programa “as Rutas de Historia” que botará andar coa camiñada polo pontevedrés Monte Seixo, “o lugar no que os mortos se atopan cos vivos”.
A esta primeira experiencia que guiará, en Cerdedo, o animador do colectivo local, Capitán Gosende, seguirá a prevista “polos dominios da Loba Branca: mámoas, petróglifos e castelos na Serra do Barbanza”. Itinerario polas antigas minas de “ouro dos mouros”, a fortificación do Outeiro Murado, o petróglifo do Outeiro dos Corvos, a Arca do Barbanza, o Outeiro Redondo ou o Castelo de Vitres e a súa calzada, nun percorrido que amosa a riqueza inmensa inherente á propia toponimia que fai desta paraxe un auténtico espazo natural e cultural que se conservou de maneira única nunha zona de importante expansión económica e demográfica; “malia as desfeitas das últimas décadas” que están afectando negativamente á conservación dos bens arqueolóxicos.
Estas andainas animadas pola didáctica dos expertos coñecedores da zona, gratuítas previa anotación na web dos organizadores, pensadas para camiñar na mañá dos sábados, continuarán cando menos coa “batalla de Ponte Maceira: As loitas entre a nobreza e a Igrexa na Idade Media”; as guerras do século XVII, “cando Galicia e Portugal deixaron de quererse”; a visita ao Castelón da Fonsagrada, “na procura da gran sauna castrexa”; nas Terras do Bibei ou en Betanzos. Tempo para deixarse engaiolar pola atracción máxica da nosa historia, da natureza e do patrimonio. 
 

A maxia do patrimonio histórico

Te puede interesar