O mentireiro verdadeiro

A o carón de “O Gaiteiro de Lugo”, decano dos calendarios agrícolas galegos, e do “Almanaque Agrícola ZZ”, instrumento literario de apoio á comercialización dos produtos dunha multinacional química.

A o carón de “O Gaiteiro de Lugo”, decano dos calendarios agrícolas galegos, e do “Almanaque Agrícola ZZ”, instrumento literario de apoio á comercialización dos produtos dunha multinacional química; “O Mentireiro Verdadeiro” completa a terna de publicacións míticas orientadas ao servizo da xente do campo. Unha peculiar información coa previsión das lúas, as mareas, os prognósticos meteorolóxicos e previsións para o ano entrante, o santoral e os períodos máis axeitados para as diferentes tarefas agrícolas, refráns, adiviñas, contos, as datas das feiras e consellos varios conforman o groso destas publicacións, distribuídas por milleiros de exemplares. Extraordinario.
Polo vieiro dos foráneos “Calendario Zaragozano” e “O Seringador” portugués, tiran do humor e a retranca que nos caracteriza culturalmente para facer un calendario “chusqueiro, escotolido, profético, enxebre, noticioso, artimañeiro e tamén barato”, conforme co slogan que inclúe na capa. Así, o doutor Alodi, o Tronas, o Fundamundos e outros anónimos e altruístas colaboradores fan uso do galego; iso si, nunha versión pegada ás formas dialectais de carácter local. Boa mostra é esta previsión, para un mes de xaneiro, xa pasado: “Choran as campás ao tempo, erre que erre, os agoreiros do tempo por non atinar, osmar ou sospeitar a vindeira tempada, en vez de agoirar po inverno, mellor será maliciar, pero por moito que malicies ficarás amolado. O corisco arrufiaranos un chisco as orellas e deixaranos o fociño aoirido e a carballeira terá boa leña para a lareira. Finarán ao cabo as noxentas pingas, pingas do derradeiro mes tan enlamuxado que non convidará o mes das témeras xeleiras, longas noites e curtos días para toupexar a carón da lareira cos tizós de carballo”. Haber que meteorólogo é quen de superar esta previsión a meses vista.
Aínda que aquela célebre frase vaticinando que “poda que chova, si, e poda que non chova”,  atribuída ao moi lembrado presentador do tempo na Televisión Galega que non é preciso citar polo nome, tamén resulta unha síntese perfecta dunha linguaxe que deixa pouco marxe ao erro. Contra diso non hai tecnoloxía, avanzado satélite meteorolóxico nin modelo de cálculo matemático que sexa capaz de atinar con tanta precisión. Colocados na escaleira, nunca saberán onde imos. 
Porén, nas últimas edicións do Mentireiro bótase en falta unha das reflexións que baixo o título de “Xuízo do Ano” acompañou ao seu fundador ata o falecemento. Por iso, non deixa de ser casual coincidencia a celebración de sonadas causas, en vista oral, que compiten precisamente á hora de merecer a consideración de “xuízo do ano”. Competencia difícil, na que está a impoñerse tamén a moda desa forma de expresión artimañeira que consagrou ao Mentireiro Verdadeiro.