Negrura tizón

A imaxe de catástrofe e desolación fire a nosa retina se ollamos de cara ao solo calcinado no territorio galego que vén de soportar unha vaga de incendios, máis unha vez, agora con traxedia humana que suma morte de persoas abrasadas polo lume, perda de vidas evitábeis se houbese previsión e políticas forestais guiadas polo interese social e non influídas polo negocio mercantil. Unha situación límite, a xeito de tormenta perfecta, que provocou graves perdas no patrimonio das familias, intre de máximo risco para espazos habitados e unha reacción de solidariedade da xente do común que puxo en evidencia o lamentábel comportamento, errática resposta e posterior relato troleiro da autoridade política responsábel das labores de extinción. Un panorama que muda a estrofa do himno pondaliano, dun país que se caracteriza “polo seu verdor cinguido” a outro que agora amosa a “negrura tizón” da vexetación que pousa queimada sobre escura cinsa tóxica.

Era visto, foi un desastre anunciado a partir das consecuencias meteorolóxicas derivadas dun indiscutible cambio climático que provoca esta anómala seca, coas reservas hídricas máis baixas dos últimos anos, unha moi elevada temperatura para o tempo outonal que toca agora, a falta de choiva e con ela a mínima humidade; e para remate, ese outro fenómeno anormal que representa a traxectoria dun furacán pola proximidade costeira, cos seus fortes ventos. A temíbel situación dos trinta que sinala o máximo perigo: Velocidade do vento, graos de temperatura e porcentaxe da humidade. Porén, sen entrar á máis que xustificada crítica ao goberno da Xunta de Galicia por ter adoptado a decisión de reducir os efectivos humanos dedicados á extinción precisamente con este ambiente de risco ostensíbel, é tempo de afondar na urxencia de acometer medidas estruturais que eviten a repetición futura dunha catástrofe idéntica e mesmo máis grande.

Unha vez pasada esta fase de conmoción social, política e dos medios de prensa a respecto da visión orientada responsabilizando do desastre a un suposto “terrorismo incendiario”, pendente de proba, debe provocarse unha iniciativa dos poderes públicos para impulsar de vez unha nova estratexia e política forestal que evite os incendios. Nese deseño dun Plano Forestal axeitado debe incluírse unha nova regulación das especies de xeito que as árbores pirófitas non podan ocupar espazos próximos a zonas habitadas, vías de transito e outros lugares de especial protección. Precísase unha extensa batería de medidas con actuacións de ordenación territorial, dotación profesional de efectivos para labores de extinción e prevención de incendios e outros moitos aspectos reivindicados polo sector rural e académico. Urxe máis aínda a labor de educación ambiental e de formación da poboación para afrontar unha catástrofe incendiaria.  

Negrura tizón

Te puede interesar