O desafío das palabras

Púxose de moda fai poucos anos, porén xa conquistou boa parte do planeta da letra impresa. É a competencia anual de palabras que foron recorrentes no período dos últimos doce meses. Velaquí está, entre nós, coa contenda propia dun “reality show” agardando polo voto do espectador. Sapoconcho, velutina, eucaliptización, vaga de lumes, independencia, violencia de xénero, teimudo, afouteza. Oito expresións, algunha delas aínda fóra do dicionario académico, nun enfrontamento ao desafío para consagrarse como a palabra que define, para a cidadanía galega, o ano que está a piques de rematar. A verba de todas as verbas no trono do léxico popular.
Ben está que afastemos da nosa rutina cotiá, aínda que por escaso tempo, o foco do interese orientado na dirección do alumeado posto obsesivamente sobre cuestións deportivas, da política institucional convertida en parladoiro televisivo interesado ou da prensa amarela que fai das miserias humanas e do falso romanticismo convertido en reportaxe gráfico con descarado retoque das imaxes de persoeiros de cartón pedra á procura de guindarnos deste estado de inxustizas, corrupción e desigualdade, trasladándonos ao trucado mundo artificial do enredo amañado. Forma clásica, parte dun xeito desde o tempo dos romanos que acuñaron o lema “pan e circo”, para desviar atención e impedir reacción consecuente en relación á problemática soportada pola xente.
A competencia das palabras antes citadas ten o valor sociolóxico de que, boa parte dedas, traen á memoria colectiva situacións, traxedias e catástrofes recentes que, moitas das veces, foron consecuencia da acción punible, da falta de previsión ou xestión dos gobernos; e mesmo problemas non resoltos que continúan a ser unha lacra social ou para o medio ambiente natural. Outras fálannos de valores e atributos positivos das persoas. Todas con forza informativa. En todo caso, esta acción dos académicos galegos da lingua é a boa nova a respecto do noso idioma.
A mala chega do Parlamento coa cerrazón do grupo político que sostén ao goberno votando á contra de permitir que se tomase en consideración a ILP, impulsada por trinta mil galegas e galegos, para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico; norma legal para resolver situacións absolutamente cotiáns como realizar no idioma propio, oficial na súa consideración formal, o feito de contactar coa compañía telefónica, presentarse a unha entrevista de traballo, asinar unha hipoteca, escriturar a compra ou arrendamento dunha vivenda, renunciar a unha herdanza, recibir notificación do pagamento dunha multa e moitas outras accións que hoxe resultan totalmente imposíbeis, tanto pola falta de responsabilidade e sensibilidade empresarial como pola inacción dos responsábeis da política de normalización. Un desafío á identidade nosa.

O desafío das palabras

Te puede interesar