O milagre portugués

Hoxe en día, falar do milagre portugués non é referirse a ese fenómeno extraordinario que non se pode explicar por causas naturais, senón que ten como orixe inmediata á divindade. Non, non é tratar de Fátima no centenario das aparicións que motivaron visita ao país irmán do Papa Francisco. Tampouco é facer xuízo de valor desa “cousa sorprendente que sucede en contra do esperado”, á vista do éxito futbolístico da súa selección na pasada Eurocopa ou do último festival da Eurovisión. Non, non é nada diso; é a metáfora máis recorrente para considerar o avance económico e social que están a representar as políticas do goberno froito dun pacto da esquerda.
Por iso, é máis que lóxico o recoñecemento da Unión Europea que vén de levantar ese gravoso procedemento de déficit excesivo co que tivo preso a Portugal nos últimos anos, refén das imposicións dese ente do poder económico, por máis que formalmente non exista como tal, ao que chamamos “troika”; e dicir, a conxura sincronizada da Comisión Europea, Fondo Monetario Internacional e Banco Central Europeo, que agora ollan de cara ao éxito dunha nova política  económica que permite baixar do dous por cento o seu déficit, á par de recuperar notoriamente o nivel de emprego que xa está baixo do dez por cento; e, ao mesmo tempo, incrementar salario mínimo e retribución aos empregados públicos.
Mérito aínda máis grande ao saber que ao Estado español seguen a mantelo na lista negra das economías a vixiar. Os homes de negro de Bruselas alongarán a fiscalización de contas e políticas do goberno de Madrid; a Comisión continuará esixindo reformas, recortes e incremento da presión fiscal; o FMI seguirá coa súa obsesión polo axuste das futuras pensións públicas.  Portugal está de moda, é un país en racha de noticias positivas. Foco de atracción turística, sector económico que xoga un papel relevante no aumento do seu Produto Interior Bruto, medrando máis tres por cento anual, globalmente; atraendo intensamente nova empresa industrial  que, no caso galego, representa a migración de medianas empresas aos parques empresariais do alén Miño; e máis que todo, desenvolvendo unha política de investimento público que opera como locomotora deste crecemento, proba tamén do erro das estratexia obsesionadas co déficit. Aínda así, non deben tirarse foguetes de festa. Nubes negras aínda ameazan a plena recuperación. Porén o sufrimento da xente fica atrás. Milagre, non. Política. 

 

O milagre portugués

Te puede interesar