O xardineiro dos ingleses

arcos Calveiro, vilagarcián, anada de 1968, vai retornar máis unha vez a esta marcada vila da infancia; agora para ocupar solemne palco coa presentación ao público lector da súa última obra literaria publicada pola Editorial Galaxia baixo o título de “O xardineiro dos ingleses”, gañadora do prestixioso premio García Barros. É un relato de ficción que nas súas 440 páxinas percorre a memoria histórica e social de acontecementos e lugares da “Arousa Country”, pasada e presente, cunha narración engaiolante que ten o seu foco posto nos mellores valores da especie humana. Unha equilibrada mestura entre ficción imaxinativa e rigor no tratamento de espazos, nomes e persoeiros reais; aínda que nalgún caso interpretados dende a licenza creativa do escritor.  
Detrás deste libro que, con certeza absoluta, marcará un fito na traxectoria de éxitos do autor mais tamén na da bibliografía relacionada coa nosa localidade, adivíñase un traballo de pescuda e documentación, coa paciencia infinita do coleccionista de finos detalles; sumando, para iso, un innumerábel número de horas en bibliotecas, arquivos, hemerotecas e conversas á procura da testemuña oral que agora simplifica no resume da contra capa: “Vilagarcía, principios do século XX. O destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Alí agarda o misterio final, o dese sartego e o seu descoñecido ocupante. O enigma que arrodea a vida de Delia Cores e do seu fillo Edelmiro, o xardineiro dos ingleses”. Porén, hai moito máis. Abofé que moitísimo máis. 
Moitas voces narrativas, incluídas as de Sorolla ou Lorca, unha boa ocasión para poñer en valor a lembranza súa a presenza artística entre nós. Eu mesmo ando a “facer un caneo” polas páxinas da novela, nunha situación que puidera que fose tal como se conta ou non, mesmo todo o contrario. Dende o anonimato que me identifica claramente, asumo o que se di. Sen tacha. 
O imaxinario colectivo da localidade bebe do misterio que se agocha na historia do British Naval Cementery, da puntual arribada da súa flota ao peirao vilagarciá e da retranca creada nas lendas urbanas, causa do alcume que por “ingleses” nos puxeron as xentes da contorna. Anecdotario que xa serviu par figurar nas cousas do “Revoeira”, de Nuñez Búa; e que, Sánchez Calveiro, incorpora melloradas ao relato xeral desta obra de narrativa na memoria de vítimas da inxustiza. 
Por todo iso, e aínda por outras consideracións, “O xardineiro dos ingleses” é agasallo a incluír nestas próximas festas de Nadal e Reis. Un tesouro de valor inmaterial co que se atinará sempre.
 

O xardineiro dos ingleses

Te puede interesar