As ondas atlánticas de Plácido Castro

ambados vén de honrar ao Plácido Ramón Castro del Río, relevante galeguista, mediador teimudo a prol da identidade galega no mundo, xornalista resistente na diáspora dunha emigración forzada, sosegado profesor de ensino medio e tradutor literario eximio. A decisión de nomealo Fillo Adoptivo cambadés, loxicamente a título póstumo, cincuenta anos após a súa morte, é un acto de xustiza á memoria histórica dun dos persoeiros máis sobranceiros do patrimonio cultural galego. Fica aínda o seu pleno recoñecemento polos académicos das “Letras Galegas”; porén, esa falta de sensibilidade corporativa está sobradamente compensada polo activismo que desenvolve a Fundación consagrada a súa obra; e polo impulso denodado dos seus herdeiros. 
Velaí, os Concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía; o do lugar de nacemento o da casa familiar na que achou a súa temperá morte e o do centro de ensino do seu último destino como docente; xunta participación fundamental da Asociación de Tradutores Galegos e do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional configuran un padroado, presidido por Susi Castro Sineiro, a filla de Plácido militante a porfía na causa da divulgación da obra do seu pai, que vén achegando unha impagábel edición da obra rescatada deste devanceiro das nosas letras. No só iso, dende esta entidade cultural con sede oficial e arquivo permanente no Pazo do Torrado da “vila do albariño”, o labor de divulgación e recoñecemento esténdese á celebración dunha conferencia anual que permite abordar diferentes aspectos do histórico galeguista; e, pola súa dimensión e orixinalidade, ao anual premio de tradución á  lingua galega co nome deste autor. 
Nesta última faceta da poliédrica produción literaria e artística de Plácido Castro debe recomendarse a lectura de “Verbas atlánticas”, unha publicación en formato de libro con trescentas páxinas, ao coidado editorial de Laura Linares, que recolle as mellores traducións feitas polo noso escritor; con dúas partes diferenciadas: A primeira contén achegas de poesía inglesa, escocesa e irlandesa, compilacións da mítica “Poesía inglesa e francesa vertida ao galego”, da editorial Alborada (1949); e tamén engade de Grial, Faro de Vigo, El Pueblo Gallego e outros. Moitas son inéditas tiradas de versións orixinais mecanografadas polo intelectual galeguista. Na segunda, reprodúcese o texto das “Rubáiyát”; laureada adaptación ao galego desta obra do persa Omar Khayyan que fixo Plácido a partir da versión inglesa de Fitz Gerald que tamén está incluída.
Son ondas atlánticas que van dende O Salnés ás terras célticas das Illas Británicas, pasando pola Costa da Morte; e tamén ollando para Muxia, Vigo e na súa contorna Coruxo, lugares vitais en Plácido Castro, con lembranza de voces e culturas que piden atención. É un pracer, gratuíto.  
 

As ondas atlánticas de Plácido Castro

Te puede interesar