Ondas de fraternidade

odo está ben, se a noite non vén. Trabalinguas que muda en metáfora para sinalar a necesidade social de consagrar unha data cada ano, á conmemoración dunha causa ou a celebración dun acontecemento que lle permita acadar sona e popularidade ao propósito en cuestión. Limitar a reivindicación ou a efeméride a “ese intervalo de tempo que tarda o planeta Terra en dar unha volta sobre o seu orixe” é recoñecemento do efémero que vai ocupar, na memoria colectiva, o asunto proposto. É o caso do considerado Día Mundial da Radio que, para súa mala sorte,veu en coincidir nun martes trece, dos tres martes trece que nos deparará este ano en curso. Meigas fóra.
Porén, ollando para a simboloxía da expresión día tomada como “tempo que dura a claridade do sol”, fronte a esa outra parte que é a noite; dunha conmemoración así nacen magníficas iniciativas e proxectos que van para alén da limitada data reducida a unha xornada. Velaí, o programa “Escola nas ondas”, un espazo para espallar e difundir os “podcasts” e os programas das escolas galegas e portuguesas e de todo o ámbito do territorio da lusofonía. Ocasión para enviar ao vento, ondas de fraternidade entre culturas irmás dunha beira e da outro do Río Miño. Unha manchea de programas en directo que, nesta ocasión e por mor do día no que caeu o Entroido, adiarase ao mércores, 21 de febreiro nunha data máis acaída para a participación dos colectivos escolares. Nesta oportunidade versará sobre xogos tradicionais, relación dos deportista e a radio, xornalismo deportivo, a igualdade de xénero no deporte, a lingua galega e o deporte ou temática similar.
Mérito da asociación cultural e pedagóxica “Ponte Nas Ondas”, que é un chanzo máis na difusión e posa en valor do patrimonio cultural galego-portugués que tamén inclúe a Mostra da Oralidade neste marco de ámbolos dous territorios só diferenciados pola división administrativa; un labor de propagación que supera xa vinte anos de relación e irmandade entre veciñanza escolar e popular. Mágoa da falla no intento por acadar o recoñecemento da Unesco para a inclusión na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Haberá que intentalo de novo.
Bo é lembrar que baixo o lema “Patrimonio: onde o pasado se atopa co futuro”,  estamos no Ano Europeo do Patrimonio Cultural que, impulsado polas institucións comunitarias, pretende invitar á poboación a explorar e descubrir os valores culturais do continente e reforzar así o sentimento de pertenza a un espazo común. Nada máis achegado que esta rica tradición oral, a cultura marítima, o espírito comunitario da actividade agraria e das expresión lúdicas enraizadas nunha tradición con manifestacións de excelencia que é aínda cultura viva con ondas de fraternidade que unen. 

Ondas de fraternidade

Te puede interesar