Para dar trela

Tempo de lecer, período de lecturas. Velaquí unha proposta ben axeitada: Para dar trela; manual práctico de fraseoloxía galega. Un libro, con descarga gratuíta para quen opte pola lectura electrónica, editado polo Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades e realizado por Carme Losada, Alba Cid e Xurxo Fernández. Suma ilustracións de Evaristo Corujo e conta con viñetas de Luis Davila nunha sección orixinal, en cada capítulo, chamada “para estar de humor”. A publicación está coordinada por Ferro Ruibal quen asegura que “este é un deses libros que, na súa aparente sinxeleza, apuntan moi alto porque o manexo atinado dos refráns e dos ditos é o nivel máis elevado de dominio dunha lingua; algo que só teñen ordinariamente os nativos; e nativos con moita aldea ou con moito mar”.  Aquí está o valor didáctico deste traballo filolóxico. 
Por que son importantes os fraseoloxismos e os refráns?, pregúntanse os autores para aseverar que ambos os dous forman parte inherente da lingua e tenden a aparecer decote nas interaccións xenuínas dos falantes, na literatura e nos distintos medios de comunicación. É dicir, “a fraseoloxía éche o idioma convertido en imaxes; é falar con espellos que nos fan ver o lado oculto das cousas, dos feitos, da xente; éche falar con parábolas máis que con palabras. A fraseoloxía converte a fala en cine, con color, con emoción e, por veces, con intriga”. Por iso “o dominio dunha lingua, saber usala con naturalidade e propiedade, pasa por ter un bo coñecemento da súa fraseoloxía e paremioloxía, para poder activalas nas conversas, nas redes sociais e nos xornais”. Obxectivo para o devandito manual, fixado polos autores, que se cumpre coa inclusión de centos de expresión, frases feitas e refráns que achegan un autentico vademecum da retranca galega. 
A obra ofrece textos modelo cunha extensa proposta de explicacións e probas de enredo, a xeito de exercicios que facilitan o adestramento lingüístico, baixo unha clasificación temática na que van encadeándose as accións vitais, o aspecto físico, o carácter, os sentimentos e as emocións, as relacións; problemas, éxitos e fracasos; a comunicación e conversa, o asunto dos cartos e, como non podía ser menos á respecto da nosa cultura idiosincrática, o tempo meteorolóxico. Inclúe, tamén, un glosario de ditos e outro de refráns. Aínda ten moito máis que é cousa de deixar á pescuda activa da e do lector interesado que, con certeza, vai mellorar na súa competencia comunicativa con este manual de aprendizaxe autónoma, comprensiva e activa. Útil, abofé que si.

Para dar trela

Te puede interesar