Rabear por se xubilar

Cóntanos e cántanos o verso da tradición popular que “a filla do muiñeiro rabea por se casar, rabea por ter amores, rabea por peneirar”; nesa versión erótica, retranqueira e politicamente incorrecta do que representou a vida social do muíño no ámbito do mundo rural galego. Rabear, un verbo afastado da modernidade léxica do noso idioma que ben puidera expresar, tamén, a cobiza da xente traballadora, asalariada, por se xubilar canto antes mellor á vista do panorama que está amosando a xestión dos recursos do sistema público de pensións estatal que, una vez máis e van catro no ano que está a pique de rematar, tira do peto das reservas preto de mil millóns máis. Suman en total, vinte mil millóns de euros menos en 2016.
Aínda máis, a revalorización nominal das pensións afástase da súa relación co incremento do Índice de Prezos de Consumo; un indicador que malamente recolle a suba dos produtos da cesta de compra das familia con pautas de gasto típico e básico; sen luxos nin excesos. Fronte á previsión de aumento do 1,2 por cento para este próximo ano, a decisión do Goberno limita a subida das pensión só ao 0,25% porque “o crecemento das pensións e do incremento do poder adquisitivo debe estar relacionado coa produtividade do país”, afirmación do secretario de Estado de Orzamentos e Gastos en sesión da Comisión do Pacto de Toledo. Lembremos que a reforma de 2013 estableceu como fórmula para fixar a posta ao día das pensións a súa actualización co “incremento do IPC anual, previsto, máis 0,50 %”; sempre cun mínimo de 0,25.
Velaí, resultando evidente a perda de poder adquisitivo das pensións, a propaganda continúa a situar o foco na fraudulenta mensaxe do incremento nominal. É a falacia da subida que, na realidade económica, representa unha perda clara e indiscutíbel. Xogo de enxeñería da matemática financeira que produce un certo efecto de lupa: aumenta o tamaño real ata facer ver unha dimensión que no se corresponde coa realidade do suxeito. Nese xogo está tamén a proposta do portavoz político, antes mencionado, cando afirma  que a solución futura á inmediata rotura total do peto das pensión pasa por incrementar a débeda pública soberana, financiando con ela o déficit que soporta actualmente este modelo de reparto solidario coas cotizacións activas.
Porén, a masa salarial ten diminuído nun 20% nos últimos sete anos, para alén dos trucos malabares coa ficticia cantidade de emprego, e deste xeito non se pode atender o pagamento total das pensións só con recursos de cotización. Por iso, é ben lóxico rabear por se xubilar cando antes, porque o futuro do sistema público é un enigma que non pinta nada ben. 

Rabear por se xubilar

Te puede interesar