Rede para protexer o patrimonio

Aliorta na que andan metidos os gobernos, da Xunta e o local de Vigo, a respecto da proposta de xestionar a declaración do Parque Natural das Illas Atlánticas como Patrimonio Natural da Humanidade pola UNESCO; ou, no caso do concello vigués, limitar só ao conxunto das Illas Cíes é unha boa mostra do estado de escaso interese institucional que realmente se presta ao coidado e preservación do patrimonio propio. Fronte a esta dinámica, a sociedade civil, alertada polo nivel da desfeita, vén de impulsar unha rede de grupos culturais, de investigación universitaria e de asociacións profesionais para coordinar a súa actuación en defensa do patrimonio cultural galego.
Sen dúbida algunha “o territorio galego concentra unha inxente cantidade de bens culturais materiais e inmateriais. Son o legado da intensa ocupación e uso do territorio por comunidades humanas desde o principio dos tempos e a testemuña viva e real das bases da cultura e identidade do noso país”, herdanza que debemos preservar para o futuro. Punto de arranque dunha declaración que levou á convocatoria dun encontro que vén de celebrarse no compostelán Museo do Pobo Galego, escollido pola súa simboloxía, compartido por máis de medio cento das entidades promotoras dun proceso que está aberto, con boletín de adhesión na rede de Internet, agardando pola necesaria incorporación doutras organizacións, colectivos e calquera outra sociedade altruísta que traballe a prol da salvagarda do noso patrimonio cultural.
Rede de Patrimonio Cultural Galego que vai coordinar o traballo dos moitos “movementos culturais cidadáns que exercen unha constante actividade, de base local, na defensa do patrimonio, tamén da súa dinamización, cunha grande eficacia no control e vixilancia”, sen que na máis grande parte do casos transcenda máis alá da contorna ou mesmo fique silenciado. Porén, as políticas culturais, a normativa sobre o patrimonio e as grandes problemáticas teñen alcance xeral. Co traballo en rede procúrase unha ferramenta conxunta de coordinación para se dirixir ás autoridades, organismos ou entidades pertinentes en prol da salvagarda do patrimonio cultural, configurando un sistema de traballo para a comunicación horizontal, de libre adhesión, sen xerarquías, orientado á elaboración de iniciativas para a posta en valor do patrimonio cultural.
Un legado que hoxe en dia representa unha incalculábel fonte de riqueza. A súa dinamización é un beneficio de utilidade económica e social; ao tempo de ser unha aposta por un modelo de desenvolvemento mais sustentable do territorio. O activismo na súa defensa é un xeito de rede de protección no intento de evitar a longa ringleira de atentados do que vén sendo obxecto a cotío.  

Rede para protexer o patrimonio

Te puede interesar