A saúde do libro galego

primavera é tempo de festa, tamén para o mundo do libro. Velaí o ciclo conmemorativo que se inicia coa celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil, 2 de abril, pasa logo pola do Día do Libro e dos Dereitos de Autor, 23 de abril; para rematar, no caso galego, co Día das Letras. Tempo, pois, para botar unha ollada á radiografía da situación que amosa o sector da industria editorial que produce libro no noso idioma, sabendo que cada lingua é un xeito de entender, e mesmo de nomear, o mundo. Conscientes de que coa linguaxe escrita, en soporte de libro en calquera dos seus formatos, alcanzamos os niveis máis avanzados de manifestación dunha cultura.
A foto xeral do estado da saúde editorial en galego é desalentadora. Abofé que o é. O número de obras editadas na nosa lingua, cos datos do pasado exercicio, segue descendendo nun catorce por cento anual, acumulando xa unha diminución dun terzo do total dos libros publicados, por vez primeira, fai oito anos. Porén, o agravio é máis doente sabendo que nas outras linguas estatais, incluído loxicamente o castelán, aumentou en todas elas. Mesmo sube a edición en linguas estranxeiras, de libros feitos aquí. As luces de alerta están acesas. Toca reaccionar sen demora.  
Cos datos do Instituto Galego de Estatística situamos a importancia económica da industria editorial galega entre os sectores punteiros da economía. Dous por cento do Produto Interior Bruto e tres do nivel de emprego. Á par da pesca ou do automóbil. É hora de poñer en valor os instrumentos que nacen da Lei do Libro de Galicia, aprobada por unanimidade no Parlamento. Contemplar á edición como sector estratéxico, creando unha Cámara do Libro, impulsando a Mesa polo Libro galego e dotándose dun órgano consultivo, o Consello do Libro, que forcen á Xunta, na súa responsabilidade institucional, á realización de políticas activas entre as que é fundamental a promoción da exportación e internacionalización dos contidos editados en galego.
Fai poucos días, en Compostela, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librerías de Galicia volveron xuntarse na convocatoria da Gala do Libro Galego para “recoñecer a excelencia do traballo literario no ámbito editorial ao longo do ano 2016”; outorgando recoñecemento e premios a diversos autores, iniciativas de difusión e honras varias. Ao tempo, alí lembrouse que a lectura e o libro son a cerna e o motor do coñecemento; e que a nosa lingua é o vehículo propio imprescindible, onde desenvolvérmonos en sociedade e tamén onde presentarnos no mundo.

A saúde do libro galego

Te puede interesar