O Tío Marcos na prensa galega

historia certa e sabida que “O Tío Marcos da Portela” foi un xornal galego que viu a luz o 7 de febreiro de 1876, nas terras do interior do país da iniciativa dun grupo de persoas xuntados arredor da figura de Valentín Lamas Carvajal, devanceiro galeguista. Este precursor dos medios de comunicación escrita dos que se ten constancia da utilización única do idioma galego, tivo unha traxectoria marcada por distintas épocas na súa publicación, variable na periodicidade e cunha tiraxe que chegou a miles de exemplares para subscritores, venda en quioscos ou en feiras e mercados por toda a contorna. Trataba de todo, noticias xerais e locais, cousas de agricultura e  comercio, coidados artigos de grande interese cultural, consellos, refráns, ditos e mil cousas máis. Agora, na súa lembranza pioneira, convócase o Día dos Medios en Galego. Será o 7 de febreiro.
A promoción desta iniciativa vén impulsada pola Asociación de Medios en Galego, entidade que é sensíbel á constatación dos estudos científicos que, nas últimas décadas, informan do “descenso no uso da lingua galega, en parte, porque non hai medios, nin ferramentas que estimulen, apropiadamente a súa normalización”. Velaí a raíz da razón que dá pé á conmemoración que se busca instituír, a xeito de reclamación social e política na procura de que “o idioma propio de Galicia adquira ese rango de normalidade”;  xa que, aseguran, o galego “non é un obstáculo para comunicar cun público consciente e amplo”. Unha sociedade de seu non pode permitirse o luxo de darlle as costas a unha herdanza de centos de anos. É tempo de informar con identidade propia. 
Este chamamento reivindicativo, co formato do xeito que normalmente é utilizado para lembrar a existencia dun grave problema social que debe afrontarse, vén cargado do simbolismo que representan a lembranza en febreiro dos aniversario de Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal; tamén, da conmemoración do Día da Lingua Materna. Por iso, parella á iniciativa de AMEGA, nun sumando que contribúe a multiplicar o efecto a favor da lingua propia, dende outra entidade cultural de base tal é o caso da asociación PuntoGal, en parcería coa Real Academia Galega, para “seguir potenciando a presenza do idioma na modernidade que representan as tecnoloxías da información e comunicación e por reforzar a identidade de Galiza no ciberespazo”, concertaron cunha manchea de empresas do sector a comercialización dos dominios PuntoGal a baixo prezo. 
Nas páxinas de O Tío Marcos da Portela, con moito humor, sentido crítico e retranca, contouse dos problemas da época. Falouse das malas comunicacións no país, da elevada carga impositiva, da falta de industrias e da sangría emigratoria. Problemas vixentes aínda hoxe en día. Abofé.

O Tío Marcos na prensa galega

Te puede interesar