Unha chamada desde Braga

Entra en vigor a normativa europea pola que se pon fin á tarifa móbil, con algunha limitación ben inxusta por certo, diso que coñecemos coa expresión anglófona de “roaming”; e dicir, o custo abusivo extra pagado polo uso do teléfono desde outros países. A decisión non naceu na vontade altruísta das empresas operadoras, non. É froito da presión feita, entre outras organizacións, polo Eixo Atlántico, a entidade que une aos concellos galegos e do norte portugués máis sobranceiros; institución que vén de celebrar o seu primeiro cuarto de século de actividade consagrada ao servizo da cidadanía no ámbito territorial fronteirizo con varios actos na cidade de Braga, coa máxima representación do goberno portugués e a inxustificábel ausencia da Xunta de Galicia.
Na histórica Brácara Augusta, capital compartida do mítico territorio da Gallaecia, a inauguración dunha praza pública nomeada do Eixo Atlántico deu comezo aos actos conmemorativos do 25 aniversario desta entidade de cooperación entre os pobos do vello Reino Suevo á que se sumou unha mostra didáctica, na rúa, sobre a traxectoria desta organización de base municipal. Logo veu a celebración dun Congreso, singularmente o terceiro da entidade, sobre a “Axenda Urbana a Debate” coa participación de máis dun cuarto de milleiro de especialistas de todos os sectores sociais, empresariais e académicos; e, tamén, responsábeis políticos que asistiron aos talleres impartidos por especialistas na planificación urbana de alcance estratéxica; concretadas nun documento que establece as prioridades locais no desenvolvemento para a  próxima década. 
Para rematar coa efeméride, o Theatro Circo de Braga vestiu de gala o seu escenario cos discursos conmemorativos, a entrega dunhas medallas simbólicas de recoñecemento aos impulsores deste fenómeno de colaboración territorial, Galicia-Portugal Norte, un dos máis dinámicos na Unión Europea. Para alén da importancia dada ao acto coa participación directa de Antonio Costa, o cabeza do goberno portugués, que considerou á entidade “un eixo estratéxico para a colaboración de ambos os dous países”; o que chamou especialmente a atención foi a ausencia da Xunta de Galicia,  toda vez que nin presidente nin conselleiro algún estivo alí.
O desleixo do goberno galego só pode entenderse na envexa de Feijoo, presidente por quenda da ritual Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal, se compara a escasísima función que realiza esta en troque do dinamismo, participación cidadá e actividade social que desenvolve o Eixo Atlántico nas 38 cidades integradas; polos servizos directos que presta e pola función de lobby perante institución comunitarias e gobernos estatais, tal como se veu na recente cimeira hispano-lusa celebrada fai poucos días en Vila Real. É tempo de atender á chamada de Braga. 

Unha chamada desde Braga

Te puede interesar