A presidenta de Emgrobes, Dolores Vázquez, agradeceu onte a colaboración entre a asociación e o Concello, que entende especialmente importante agora que veñen tempos difíciles, aos que temos que poñer boa cara.O alcalde José Antonio Cacabelos quixo reforzar esta posición, asegurando que cando os tempos son difíciles, é cando máis importante é estar unidos. Cacabelos asegurou que polo Concello non haberá reservas á hora de dar apoio aos empresarios e comerciantes, que son grandes dinamizadores sociais.
Pola súa parte, a edil de Mercados, Victoria Canoura, animou aos veciños a mercar no Grove porque detrás de cada mostrador hai un grande profesional e ademais evítanse os atascos característicos das cidades e das grandes superficies comerciais, especialmente nestas datas.
Alicientes > Co obxetivo de facilitar as compras, instalarase unha ludoteca durante o período máis intenso de actividade comercial.
Os pais e nais que o desexen poderán confiar os seus fillos a este servizo entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, de 11 a 13:30 e de 16:30 a 20:30, para achegarse polos comercios con máis tranquilidade. A ludoteca instalarase na Sala TNT, moi próxima á zona comercial da rúa Castelao.
Ademais, Vázquez tamén anunciou a instalación dun rastrillo benéfico, organizado en colaboración con Érguete-O Grove e Cárita, que se celebrará entre Nadal e fin de ano, co fin de achegar fundos para xente necesitada.
O rastrillo incorporará produtos en stock dos comerciantes e instalarase no tramo da rúa Castelao máis próximo á Toxa, co ánimo de achegar a xente e revitalizalo xa que se considera que perdeu pulo comercial.