Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Sábado 29 de Noviembre 2008 O Grove

Portada | Vilagarcía | Cambados | Sanxenxo | O Grove | O Salnés | Caldas-Umia | O Barbanza | Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía | Sociedad | Comunicación | Última Página |


O Gran Hotel quere recuperar os balnearios “con prescrición médica”

REDACCIÓN > O GROVE

O Gran Hotel aposta por recuperar o turismo de saúde
O Gran Hotel de A Toxa lanzaou onte a nova área médica do seu balneario, denominada “Hesperia Thermal Clinic” e baseada nas propiedades mineromedicinais das augas e dos fangos, nomeadamente dos peloides.

Segundo explicou o director do centenario establecemento hosteleiro, Ramón Braña, trátase de recuperar a vertente terapéutica dos balnearios, hoxe algo difuminada ante a proliferación de Spas, que usan auga corrente, e de Talasos, que usan auga do mar.

A táctica do hotel é promocionar as características específicas do balneario -que conta con augas mineromedicinais- e así diferenciarse dentro do mercado, no que cada vez ten máis peso o sector da saúde, por medio dos recursos cos que conta, como o ambiente de relaxación, as sales, as algas e os peloides.

Ademais, Braña tamén considera que a área servirá para chegar a novos segmentos de mercado, preocupados pola prevención e pola saúde, descartando a imaxe tópica dos balnearios reservados só para xente maior.

Na Toxa poderase acceder a seis programas terapéuticos, de entre tres e dez noites: de relaxación e control de saúde, de adelgazamento, reumatolóxico, anti-tabaco, de lesións musculares e recuperación funcional e o dermatolóxico.

Para encetar e impulsar a nova etapa do balneario, o Hotel incorporou a unha nova directora médica, Marta Arribas, especializada en hidroloxía, quen fixo fincapé no apoio médico e asesoramento externo, mesmo personalizado, que recibirán os clientes, ademais da posibilidade de beneficiarse da terapia de peloide.

Tal e como explicou onte a experta Rosa Meijide, A Toxa convírtese no primeiro balneario do norte do Estado que elabora o seu propio peloide, desenvolvido pola doutora en Farmacia Lourdes Mourelle. Este fango termal está considerado como un medicamento natural con accións analséxicas e antiinflamatorias.

Aínda que o peloide foi utilizado desde a antigüidade como elemento terapéutico, aínda non é un recurso moi habitual no noso país, ao contrario do que sucede en Francia, Italia e outros países europeos, onde se preparan de forma tradicional. Hoxe en día a grande novidade radica no seu proceso de deseño e elaboración, beneficiado grazas á implicación de numerosos investigadores, entre eles moitos das universidades galegas.

Por último, o Hotel ten previsto aprofundar nesta dirección ligada á saúde e lanzar una liña de cosmética propia para o verán do vindeiro ano, baseada exclusivamente nos fangos e nas augas captadas nos seus pozos.





ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa