Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Sábado 29 de Noviembre 2008 Opiniones

Portada | Vilagarcía | Cambados | Sanxenxo | O Grove | O Salnés | Caldas-Umia | O Barbanza | Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía | Sociedad | Comunicación | Última Página |


O GALEGO E AS MULLERES

VENTO FRESCO

MANUEL MIRAGAIA DOLDÁN

Constátase de que cada ano que pasa hai menos nenos e nenas urbanos que falan a nosa lingua. A maioría das familias que viven nas cidades e que proceden das vilas e aldeas cambiaron a súa lingua de orixe. Polo xeral, estes novos moradores urbanos esquecen as verbas nativas e educan aos seus fillos nun castelán de pouca corrección. Se as cousas seguen así a transmisión xeracional natural que mantivo a nosa lingua ao longo dos séculos, malia as rexas oposicións daquela oficiais, non se producirá no ámbito urbano. E isto é algo moi perigoso para a permanencia da nosa lingua galega-portuguesa como maioritaria, en vista do alcance, até agora limitado, das actuais políticas de normalización lingüística escolares e institucionais.

Alén diso, acontece que nos espazos urbanos de Galiza dase o fenómeno, tamén preocupante, de que existe un menor número de mulleres -especialmente as novas- que de homes que falen a nosa lingua. As mulleres constitúen a metade da poboación, mais o seu peso numérico vese superado polo papel decisivo que realizan no proceso de socialización dos fillos e na transmisión xeracional dos valores, da cultura e da lingua. Foron parte importantísima na conservación da lingua e cultura galegas durante os séculos escuros e deben continuar exercendo este labor nestes tempos de globalización.

Que motivos levan a que as galegas falen menos a nosa lingua que os galegos? A sociedade no seu conxunto impón e presiona, desde a nenez, máis ás mulleres que aos homes, para que se incorporen ao sistema socio-cultural establecido. O xénero feminino debe ter un excelente aspecto físico. Ser abnegado, laborioso, fiel e ben-falado. Cómpre que fale castelán, a lingua de prestixio, e que eduque nel á súa prole, porque é un idioma con futuro. Formouse á muller por tradición para que fose sensata, moderada e que contase cun sentido prático. Educárona no sistema de valores e normas vixente, como elemento determinante para o seu mantemento e transmisión. Eis a presión abafante que sufriu -forma de violencia subtil- por parte das instancias patriarcais, de pensamento único e uniformizadoras.

Lembro o desprezo e a agresividade dos comentarios machistas que lle ouvín a algúns homes, e tamén a algunhas mulleres maiores, adicados ás mozas urbanas que falaban galego. O que me leva a pensar en que para que a muller sexa consciente da dignidade do seu sexo e persoa, e se desexa tamén a emancipación, debe opoñerse a esta forma condenábel de violencia de xénero. Como? Falando a nosa lingua.



ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa