Bonasso fixo un amplo repaso pola situación dos medios de comunicación no seu país, que considerou extrapolable no mundo globalizado en que vivimos.A súa principal crítica centrouse na concentración da propiedade dos medios privados, xa que, na súa opinión, esta unificación empresarial se está a converter nun grave perigo para a democracia. Baixo o seu punto de vista, os medios repiten un mesmo verso a nivel internacional, un discurso que riscou de falso, esquemático e mentireiro. Tamén considerou que os feitos son pesimamente explicados, e puxo como exemplo as informacións relativas á nacionalización das pensións privadas levada a cabo recentemente pola presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner -lei pola que el mismo votou a favor-, ou o peche da emisora Radio Caracas na veciña Venezuela. Son amigo de Hugo Chávez e non adoito falar mal dos meus amigos, confesou, e destacou que a actuación do presidente venezolano foi totalmente lexítima pois á emisora lle venceu a licenza.
Nesta dirección, acusou aos hóldings mediáticos de premer aos gobernos e outorgoulles unha enorme capacidade de influencia para poder modificar a axenda política.
Reforma da lei > Así, o bonaerense fixo referencia a dous casos recentes de invención de personaxes nos medios arxentinos: un coa intención de impoñer o tema da man dura contra a inseguridade, e o outro a raíz da crise no sector rural e os intereses ocultos do sector financeiro. Para el, a solución pasa por unha solución política, segundo asegurou, e explicou que a lei de radiodifusión vixente en Arxentina non serve e que tanto el como varios deputados intentan cambiala.
Estamos a romper os dentes, sentenciou, e concluíu que unha nova lei é necesaria para que as novas tecnoloxías non favorezan aínda máis a concentración. Pola contra, defendeu unha democratización que pase por dar entrada a novos actores, tales como cooperativas, sociedades veciñais ou ONG.
O bonaerense pronunciou ás 20.00 horas unha conferencia na sede compostelana da Fundación Caixa Galicia baixo o título O negocio da comunicación. Foi presentado polo director de El Progreso, Lois Caeiro, e a súa foi a penúltima conferencia dentro das xornadas organizadas polo Club Internacional de Prensa.